O último día libre…

Novembro 19, 2009

Marchar, non marcho mañá. E desta vou só por uns días pero si que é certo que hoxe é o meu último día sen ter que traballar antes de coller o avión. As predicións do tempo xa me teñen nervioso, porque para venres disque entra outro temporal e eu saio sábado de mañá. Espero non quedar tirado polo tempo. Mañán traballo e non poderei facer nada e sábado voume cediño de todo. Así que o meu último día é este.

Cando estaba no colexio, de curas, ás veces iamos a xornadas de convivencia nunha casa xenial no concello da Guarda. Recordo que todo o mundo ía contento porque non era difícil despois de aturar aos mestres 7 horas diarias aturar aos curas 5 nun lugar xenial, lonxe da cidade e cos compañeiros. Unha vez o cura que dirixía o cotarro propúxonos que pensásemos que faríamos no País sen Lei. Era como se tivésemos que imaxinar que hai un lugar onde ninguén che vai dicir nada se fixeres calquera cousa, todas. A xente tiña que dicilo en alto e a verdade é que eu sempre considerei que non faría nada diferente ao que fago na realidade porque os únicos límites que me poño son os da miña conciencia e non os das leis, que normalmente non coñezo. A xente arrancábase con parvadas como matar por pracer, roubar, ter sexo con todas as mulleres… e os mesmos argumentos ordeados das máis diferentes maneiras e con maior ou menor graza á hora de ser contados repetíronse durante unha hora.

Eu sentíame parvo oíndo as cousas infantís que dicía a xente e sentinme na necesidade de inventar tamén eu unha historia. Por iso de non parecer un sen-sangue. E contei que roubaría un coche e iría ligar cunhas rapazas guapas por aquilo de non destacar no grupo. Eu sei que non faría nada diferente do que fago normalmente. Debo ser un aburrido, porque iso non significa que viva á marxe da lei nin trazando o meu propio camiño. E aínda non sei mui ben que produtividade lle sacaban os curas a este exercicio. Supoño que agardaban que alguén dixese algo o suficientemente nobre e soñador como para pórlle un asterisco na lista de posibles futuros curas e de paso mirar que grao de infantilismo había na nosa micro-sociedade (se eu estaba abraiado, non quero imaxinar que pensaban eles). Porque as badocadas que se dixeron aquel día foron considerables e cando un pensamento é parvo o pior que se pode facer é exteriorizalo diante de 100 persoas como era o caso. Eu morrín de vergonza allea e pasei polo rego contando unha historia infantil como o resto. Iso si, sen graza ningunha na maneira de expresarme porque non me interesaba máis que cumprir.

Pois hoxe é o meu último día libre antes de ir alá. Por iso recordei esta historia. Todo o que teña que facer ten que quedar feito hoxe. Mercar o LK, a crema de augardente, o queixiño San Simon da Costa… Xa me dei un rape no pelo considerable e xantarei con colegas e despois irei subir o Pedroso a xeito de mini-excursión. Parece que marchase para non volver e non é o caso desta vez. Non é unha viaxe definitiva nese aspecto pero si que é importante porque sempre é mellor meter o pé na auga antes de lanzarse á piscina. Por aquilo da temperatura da auga e, por que non dicilo?, confirmar que hai auga aí abaixo ;)

Distancias

Novembro 12, 2009

Distancia
Coa noite o pensamento viaxa sen fronteiras, cansanzo, nin problemas de tempo e de buscar o camiño. O meu pensamento anda que non durme esta noite. Estaba a percurar as predicións meteorolóxicas para os dias que vou onda ela, para que me confirmen que se poderá voar sen problema e quitar unha paranoia da cabeza. A noite chama por elas. Estaba buscando unha predición a unha semana do tempo en Europa e como é lóxico non topei, porque as predicións meteorolóxicas son pouco fiábeis para un punto concreto a partir do 3º día e para Europa en xeral son meras ilusións porque todo pode ser ou non ser como di o mapa. Pois non atopei o que quería pero dei cunha aplicación que me di que desde o meu cuarto ao dela haiche en liña recta 1670 quilómetros.
Pareceume ben pouco e comparei co que opina para coche o google maps, que son 2335 se imos atravesando a Suíza, e 2285 sen abandoar o territorio comunitario. Isto en coche serían en torno a 22 horas e, sorprendentemente tamén dá a opción a pé aínda que a hai que modificar para non ir polo medio do mar desde Barcelona, 19 días camiñando. Acabo de flipar porque eu fixen o camiño en 25 dias desde Navarra así que esa estimación é de camiñar as 24 horas deses 19 días. A outra paranoia é se me afectará ou non a folga de Iberia destes días. Que desastre de compañía… que ben a gusto prescindiría dela!

Pois aí van as reflexións pouco lúcidas arredor das distancias nunha noite fría menos para vela.

Medo

Outubro 17, 2009

Estou con medo.
Desde que dixen que ia mercar os billetes de avión para ila visitar até que o fixen pasaron así como 2 días. Cada pouco tempo miraba prezos e combinacións de voos. Ás veces desesperábame e o mandaba todo á merda. Outras pensaba que nin sei onde hei durmir. Ou si me virá recoller ao aeroporto. Ou se me fará falar o meu cutre alemán diante dela…
Acabo de mercar os billetes, disque via Frankfurt é máis barato pero está no quinto carallo de non teño tanto tempo como para ir por aí 6 horas de aventura ata chegar ou non a onde quero. Mirei mil opcións diferentes e como sempre irei por Madrid. Unha vez fun desde Porto pero tampouco me resolveu muito máis e tiven que chegar alá…
O grave non é pagalo, que é caro de carallo. O grave é a sensación que queda cando non sabes que vai pasar alá. Se se vai resolver ou non. Se vou durmir na súa cidade e sen ela. Se a vou cagar con calquera parvada… Vivir mancha e desta eu vou sen mandil. 4 días e non sei nada do que vou facer nese tempo.
Estou con medo.

Pois si. Ich bin ein “Kamikaze nach München” en proceso. A decisión está tomada. Falta fixar a data e preparar as posibilidades de non ser realmente un kamikaze e que todo se poida reconducir ao rego para non levar a hostia final típica dos kamikazes.

A situación é grave. As cousas non foron ben coa namorada de tal maneira que pasou de ser a Namorada a ser a Ex-Namorada. Supoño que influíu iso de estar todo un ano de relación a distancia mirándonos cada dous meses e ela vivir nun lugar relixioso para estudantes en München. Poucas veces xuntos e pouca comodidade nun país de lingua incomprensibel. As súas visitas á Galiza non foron unha marabilla tampouco, a última tivo que durmir duas noites no aeroporto de Madrid grazas  unha folga de Iberia á que lle debo unha alta porcentaxe de que non volvese nunca.

As relacións non están feitas para conservarse vía Email e o mundo real non permite que emigre en canto eu queira. Estou aprendendo o idioma, o papeleo para saír con dignidade do traballo e tentando non rachar de todo as comunicacións con ela. O obxectivo é irme a finais de febreiro. Únidevos a min nesta anti-aventura.