Volver ao pasado!

Febreiro 15, 2011

É obvio que ninguén pode volver ao pasado, sexa este unha persoa, un momento ou un lugar. A ansia de tentalo a través do relembro chámase nostalxia pero tentalo de verdade encamiñando mil accións co fin de tentar lograr tan inalcanzable empresa é algo mui romántico -por un lado- e -polo outro- unha babecada.
Costoume a min varios meses en Alemaña e aínda algunha que outra viaxe espontánea para me decatar disto tan simples. Así que facéndeme caso nisto que vos escribo que aínda que non son o voso pai, nin un cura e muito menos un gurú, comparto convosco a miña experiencia por evitarvos o mal trago que se pasa. E se vos valese con lerme e non vos lanzásedes de kamikazes contra a barreira que separa o pasado do presente para tentar levala ao futuro terendes aforrado uns cartiños.
Pero aínda que o vivir unha kamikazada é cousa que non lle desexo a ninguén, xa o dixo o dono da mula: se non lle doi non aprende. E eu que cría ser feito doutra pasta sorpréndome ás veces a min mesmo co lombo batido e facendo estraños sons máis propios dun animal.

Advertisements

auto-orgullo

Decembro 22, 2010

E esta noite comprendín que aínda que non obtiven o resultado que quería nesta miña antiaventura e me sentín derrotado e humillado porque todo o mundo soubo do meu fracaso. A pesar diso, a boa nova é que sigo sendo un soñador e que defendo os meus principios até os lindeiros da autodestrución. Non todos podemos ser iguais. E eu latexo ao ritmo do meu corazón, ás veces aletargado na flor da marva e outras (non tantas) baril, sereno e confiado á aventura. Ich bin heute endlich stolz auf mich und bin ich glücklich so zu sein.

Fixen desta derrota un manifesto do que quero ser. Non un derrotado pero sí un excéntrico loitador que ama con paixón e non renuncia aos seus principios. Tardei en verlle o lado bo. Pido só o voso respecto xa que non podo gozar das meles do triunfo que terían sido a alegría máis grande da miña vida. Voei e manqueime, pero tamén vos digo que é ben fermoso voar.

Servus e Grazas!

lin por algún lado

Novembro 11, 2010

Lin por algún lado que despois de vivir a historia máis triste só poden vir historias boas e tempos felices. Convenceume pero hoxe penso que para que ese tempo comece ten que acabar previamente a historia máis triste. Fáltame algo, fáltome eu. Fáltame ela.

Fin

Setembro 5, 2010

Hoxe morre o Kamikaze. Acabou a miña antiaventura. E o mellor que podo dicir é que a vivín intensamente e me fixo coñecer xente extraordinaria nun mundo que nin imaxinaba. Acaba a antiaventura cun final non desexado pero o kamikaze vólvese unha persoa normal, non se autoinmola (máis). Vólvese unha persoa de mirada case normal e de pensamentos normais aínda que cun remorso de nostalxia saudable e saudosa. Xa non máis recuperar paraísos pasados xunto á muller que daquela era a apropiada e nalgún momento deixou de selo. Xa non máis nostalxias expostas ao sol e ao vento neste tendal de piso húmido e frío por onde pasandes algún que outro cando así cadra.

A quen lle valese de algo esta lectura: a miña noraboa; a quen a sentise de perto: o meu agradecemento. E só digo que non hai que tomala como unha aprendizaxe pois cada persoa é un mundo e cada situación diferente. Animo a quen queira deixalo todo por outra persoa que o faga. Nesta vida facer o que un quere é un luxo e se se queren cousas tan nobres como o amor noutro país, tentalo é o mínimo.

Non vos lamentendes do que non facendes. Lamentándevos do que vos saíu mal.

Algunha noite continuará a historia nun bar, cando algún pregunte e saia a historia coma un fío. Ata entón cuidense muito e vivan!

Grazas.

Viaxe por Urticaria

Agosto 13, 2010

Cada vez que un se ergue pola mañá ten a certeza de que vai aprender algo novo. Cando un deixa o seu país por outro, aprende unha chea de cousas novas. Ás veces, o motivo orixinal da viaxe acaba por ser anecdótico. No meu corazón isto último non se cumpre pero na miña vida real, de acotío, si.

A fin de contas estou aquí, no planeta estranxeiro. Coñecendo unha cultura, que se me presenta ás veces dolorosamente fría e esclarecedora de todo o que non souben comprender daquela rapaza. Non pode ser que un pense que coñece perfectamente a unha persoa e ao mesmo tempo descubra cousas ben raras na súa cultura que non intuíra nela ate que un mira atrás e as atopa. Cando estou máis pesimista direivos que penso que fun un dicionario de cama, pero eu sei que iso non é certo. Aqueles sorrires e ollares que deron lume e vida a quen escribe non eran impostados.

E aínda que Urticaria é unha palabra que garda de maneira encriptada a vila de Ortigueira, posiblemente sexa o seu étimo latino, a min recórdame a esta miña viaxe bávara. Unha viaxe pola Terra que proe, que doe, que produce urticaria. E dese disco, que tanto me presta, de Berrogüetto escollo esta canción tan acaída.

Secuela(s)

Agosto 3, 2010

Despois da miña última aventura sentimental. Un derrape emocional ben fermoso e de morrazo final feito público por medio deste blogue. Despois de todo isto quédanme en claro un par de conceptos: Hai que aproveitar a vida e cada momento, porque nunca se sabe cando poida cambiar todo; son un cabezón da hostia (e perdoen a miña baixa lingua pero é muito máis sincero e claro expresado desta maneira); temos a vida para vivila como máis nos guste, se en Compostela se vive ben pero pensas que vas vivir mellor en Munique daquela emigra (isto é un luxazo que eu me puiden permitir).

Estas serían as conclusións racionais. Á que lle deberíamos engadir que o alemán é un idioma realmente difícil e que de agora en adiante procurarei ser mellor anfitrión coa xente que vén de fóra. Prometíamas duras na miña situación sentimental. Pensei en ser emigrante/exiliado por amor e rematei por ser un inmigrante pringao buscando traballo nun país descoñecido e sen manexarme ben no seu idioma. Non vos recorda isto a un kamikaze? a min si, pero só pensei que sería kamikaze no emocional. Realmente tamén fun un kamikaze economicamente falando. Aquí os cartos vanse das mans como a area foxe entre os dedos.

Tamén teño practicado bastante a arte do choro. Non literalmente (que tamén), máis ben de modo literario. As pobres vítimas que seguistes este blogue estandes un pouco máis perto do ceo grazas ás mortificacións que produce a súa lectura.

Co cal, nun prazo breve de tempo estarei en casa. Galiza. Aprendín un pouco alemán, aínda que de todo insuficiente, e tamén cousas da vida. A mellor moza é sempre a peor ex. Lembrade esta frase para cando vos faga falta. Espero que nunca, porque doi.

E como apuntamento de todo irracional, direi que se ben ata agora non me gustaban demasiado as mulleres de pelo roxo (ás que en galego chamamos roxas ou rubias) agora cada vez que miro unha o corazón dáme un chimpo e non é porque pense que poida ser a miña ex senón porque me atraen muito máis ca antes. Pásame mesmo na web con esta fotiño de Shirley Pretty, que eu non sei quen é pero que seica publicou unha canción vía Facebook porque a súa discográfica rexeitou o seu novo disco. Algún colega pasouma vía Twitter.

Que podo facer? É grave doutor?

Ela

Xullo 13, 2010

Podo namorar no día, se me poño, 300 veces. Se me despisto dúas ou tres. E é que namoro da moza que sobe ao metro, da moza que baixa, da moza que sorrí mentres me vende un xelado, da que ten un fermoso e incomprensible sotaque bávaro, da moza distante que cruza unha rúa solitaria ollándome de esguello por precaución. Da que pedalea automática nestas fermosas rúas con terríbel roupa deportiva. E tamén da que coa ollada perdida nun garito nocturno acaba por mirar aos meus ollos. E namoro.

Podo namorar da moza que canta como unha tola no Englischer Garten ante os ollares desprezativos dos que visten unhas bermudas horríbeis. Podo namorar, e namoro da moza seria que fuxindo da festa e con cara de insatisfacción entra na biblioteca unha tarde fermosa coma esta. Namoro da chinesa, da coreana, da italiana, da rapaza rusa que derrapa nos erres e eses do seu enigmático alemán. Namoro das mulleres ucraínas da miña imaxinación que falan unha lingua sen fortuna. Namoro de ti e tamén de min.

Son unha máquina de namorar barato. Pero para namorar hai que ter sangue nas veas. Aínda que sexa para namorar barato. Hai que ter a forza para vivir e para seguir adiante con todo. Aínda que só sexa para namorar barato. E a pesar diso. De vivir, de sorrir, de levar un cravo nos beizos pola xente do meu arredor, de levar na fronte unha estrela e o cantar que me nace do corazón. A pesar diso sempre está aí. A Outra.

A Outra é esa muller roxa de nome bíblico e ollos azuis-máquina que cos seus recen estreados 27 anos segue os mandatos paternos como se buscase neles, cal consellos de ciprianillo, os mellores tesouros nas terras máis ocultas. A outra é ese namoro non barato e pouco afortunado que me alela ao deitarme tanto como ao acordar. Temendo que se converta nunha Beatrice de Alighieri. Sendo unha tortura cruel. Eu non baixei ás profundidades do inferno para buscala, conformeime que deixar a miña vida compostelá e embarcarme nunha singradura que agora miro imposíbel. Non é mérito meu, nin dela, tamén non demérito de ningún dos dous. Só é así. Saíu mal. A vida é simples. Hoxe perdo, pero non perderei sempre.

Un deses namoros baratos que disfruto e me fan sorrir cada día vai ser un boom. Sempre foi así. Ela foi tamén un namoro barato no seu tempo. Ata converterse na Outra. Na persoa máquina que ama e desama e dá sono de día e o tira de noite. A persoa que che fai ser emigrado antes de pisar o estranxeiro e che fai calar meses as palabras bonitas e rideiras no país dos caladiños con Dirndl e Lederhose. A que che rouba a alma e algunhas das máis serias esperanzas. Esa é a Outra. A que non ten nome nin palabra.