Outra neura morriñosa…

Xuño 28, 2010

Son culpable, e o recoñezo, de querer recordar á xente que quero e ser recordado pola xente que quero e quixen. É unha maneira de saber que vivimos. Cando a vida acaba só quedan os recordos. A todos nos chega o noso día e este é o motivo polo que nacen as relixións e as ciencias. As unhas para tranquilizarnos e darnos unha escusa multitudinaria para que o noso existir non sexa un camiño autorrecoñecido cara un final sen sentido e con pouca individualidade (todos nos alegramos de cousas parecidas, aspiramos a cousas parecidas e tememos cousas parecidas; se non somos iguais somos bastante paralelos) e as outras para tentar facer ese camiño o máis prolongado e pracenteiro posible.

A soidade non é estar só no mundo, por moi paradoxal que isto pareza. A soidade é saber que quen che importa non se importa por ti. Por iso todos queremos ser importantes, ser os primeiros nalgo, na vida dos nosos queridos. Cada vez que a miña ex fale en español eu querería que se acordase de min, e dado que é mestra deste idioma, non creo que sexa un pensamento realista. O que si que sei é que cando oia, ou lea, o galego terá recordos do meu nome, da miña pel, da miña voz. O problema é que os galegos somos invisíbeis no mundo, tanto como eu no seu corazón. Non se pode dicir en realidade que sexa un kamikaze. No fondo, son un egoísta, unha persoa que buscaba unha mellor vida para si mesmo. Non é unha kamikazada ambicionar o mellor para un mesmo, aínda que tivese poucas oportunidades de éxito. Polo menos non cheguei e tiña outro mozo, iso si que había ser pavero de vivir… Eu loitei por min mesmo, non se pode dicir que fixese mal. Ben amargo había eu quedar no Tarasca pensando en que tería pasado se viñese a Baviera. Amargo para toda a vida, ou polo menos ata comezar outra aventuriña que sempre chegan cando un menos as espera.

Vaise para as montañas, as sagradas montañas dos alemáns aínda que están en Austria. Traballará alá agardando que eu me vaia da súa cidade. Mirarémonos escasamente estes 2 meses que me quedan na que foi a súa cidade pero non a nosa e mui pouco a miña. O meu obxectivo non muda. Aprenderei o seu idioma, aínda que non sei se me doerá oílo co tempo. A vida é así.

Pero non todo acaba. Os primeiros bicos quedan na memoria, e a primeira vez que se fai o amor, ou aquel atardecer, un picnic, un abrazo… sempre que son a primeira vez quedan na memoria, que xa non é tan xenerosa coas segundas veces e muito menos coas terceiras. Ás veces tendemos a pensar que a historia acaba, que xa nada novo se pode facer. Hai parellas que para fuxir da rotina viaxan e ámanse en diferentes lugares por primeira vez. Eu creo que a vida haina que vivir, viaxando e sen viaxar. Agora descubrín que estes meses son unha viaxe, algo con comezo e fin. Logo virá o regreso, a reconciliación co meu país. As apertas cos amigos e o sorrir que nace do corazón. Si chove… Que chova! Mil cousas novas pasarán na nosa terra e como non son un neno sei que non todas serán boas pero sei que nese lugar onde está a miña xente é onde mellor podo estar eu.

Autocrítica

Setembro 4, 2009

Todo isto non sería así se no canto de quentárseme o sangue e discutir por palabras como se fosen trincheiras tivese xogado con sabedoría raposeira a non cuestionar as palabras e continuar todo cos feitos. Se no canto de loitar porque a rapaza dixese que eramos parella e volvese a confiar nas vondades dos voos tirase para adiante e fixese eu a visita bimensual no momento en que tocaba seguramente todo seguiría aínda que orfo, ou non, de nome adiante. Por anoxarme e comezar unha discusión bizantina perdín o pouco que tiña. Soa a comezo de copla. Pero iso mírase co tempo, non se sabe no momento en que che ferve por dentro o sangue e pensas que pode ser en serio que todo cambia nun día. Que pode mudar todo. Logo, despois de mil batallas imposíbeis de gañar e co rabo entre as pernas xa non só aceptas as piores condicións senón que loitas por tentar solventalo en persoa e en terreo “hostil”.

E que tempadiña nos viu dada: primeiro a manifestación de Rosa Diez en Santiago, logo as eleccións galegas, despois o traballo que fixo ela para a súa universidade en que parecía comprender as posturas dos bífidos, o abandono e ataque do galego desde as institucións que se crearon para defendelo, a ruptura… Como para non estar de malas pulgas. Pero o país dun e a súa cultura é a xente que quere e coa que convive a gusto. Xa hai tempo que aprendín que se pode ser emigrante en terra propia se o teu pensamento está sempre en Baviera e máis cando non falas a mesma lingua que a xente do teu arredor.

Así que hai que por o traxe de faena e ir tentar compoñer as cousas ao estranxeiro, que a vida non se fixo para vivila por internet ou por teléfono. Iso si, a ver se consigo amañar condicións máis favorables antes de por os pés no aeroporto de Munique. Estamos trabajando en ello!