O meu novo amor muniqués, tranquilos todos (ou seguídevos tirando dos pelos polo meu grau de masoquismo), é a miña bici. É de todo feuchiña e valeu catro pesos nunha feira pero estame ensinando a cidade e non como o meu outro amor. Temos unha coordinación boa, aínda que cando a catalina vai grande e o piñón no máis pequeno escorrega por momentos a cadea. Estaba pensando se poñerlle o nome da miña ex á bici, por aquilo de me rir un pouco. Cando era mais novo púñalle nomes de persoa a obxectos importantes na miña vida. A bufanda negra de lá de cabra era Malvarez, o enigmático reloxo de peto que herdara de maneira rocambolesca tiña nome previsible (Feliciano), a gaita chamáballe Olivia e á pandeireta Teresa. Nomes de amores case de infancia.

Onde vai que escribira un post neste blogue contando como me gustaban as cidades europeas pola xente que as percorría en bici. Hoxe en 15 minutos púxenme no centro dunha maneira divertida e deportiva. O carril bici acompañoume nun 95% do traxecto e hei de dicir que cando saín me xoguei unha boa molleira porque xa apuntaban perigo as negras nubes que agora lostregan aí fóra.

A vida é bonita. A miña ex tamén. Pero son cousas diferentes

As bicis en Europa molan

Agosto 30, 2009

Non son só un kamikaze. Tamén é que gosto de muitas cousas de Europa. Na miña cidade, e na miña contorna, sempre houbo muitas persoas que viaxaban ou vivían fóra da súa casa uns meses, mesmo toda a vida. Oír as súas experiencias sempre me deixou coa sensación de que iso si que é vida e non a carallada rutineira que fago eu. Muitos estranxeiros din que a verdadeira vida feliz está en Compostela. Pode ser, pero iso é porque veñen de sitios mui diferentes e só polo cambio senten mais a liberdade e a necesidade de facer cousas que no seu país nin pensarían. A felicidade non é nun lugar senón na cabeza de cada un. Se vivisen nas súas cidades como viviron, ou viven, en Compostela non pensarían que Santiago é tan especial.

Puxen ese vídeo de arriba para expresar a miña admiración ás cidades onde a xente vai en bici a toda a parte. Paréceme mui democrático, práctico e ecolóxico. Pode ser que sexan cidades muito máis chairas do que as galegas. Iso tamén axuda. Onde máis claro mirei este ambiente de ciclismo popular foi en Amsterdam. Todo o mundo nas bicis, mesmo cando chovía cos paraugas. E non vaias pensar que ían con sensación de facer o ridículo. Ir en bici en Amsterdam debería ser considerada unha arte máis. Eu coñecín Salzburg en bici un día de alerxia incontrolada e aínda así foi unha experiencia que sempre recordarei como mui positiva. E ás veces en München téñome desprazado tamén en bici. Do máis normal. O problema é cando todo está nevado e o chan cuberto co xelo.

Pois iso, que non todo é ir ata o final do xogo e rescatar á princesa. A min hai muitas cousas de Europa que me gustan. Unha delas as bicis nas cidades.