O café

Agosto 31, 2009

Habitualmente eu era desa xente pouco sanota que non comía practicamente nada até a hora de xantar. Foron muitos anos facéndoo. Sobre todo cando non estou no curro, porque para min é un ritual de 45 céntimos de imposto revolucionario coller o café antes de entrar pola porta do choio na máquina que temos no corredor.
Cando tiña a sorte de quedar na casa non tomaba almorzo ningún. Entón chegou ela e ensinoume que o Frühstück (almorzo) é algo indispensábel. Xa sei, xa sei… vaia merda de descubrimento! pero é que eu estouvos un pouco a monte. Así que nunha das miñas viaxes muniquesas merquei un filtro de café de pota e con el fago case sempre o meu café de bos días.
Cando a relación desapareceu, un ano despois de ser presencial cada 2 meses, retirei algunhas fotos que tiña dela nas paredes do cuarto. Todas menos unhas nas que estaba dunha maneira artística e altamente impersoal posando sobre un tellado en branco e negro. Eran tan pouco dela que non as retirei. Case non se recoñece, está seria e cunha vestimenta nada propia dela. Regaláramas polo meu aniversario xa non sei nin cando e agora seguen aí nunha sorte de taboleiro negro que normalmente pasa desapercibido.
O problema é cando tomo o café na mesa do meu cuarto. Cando tomo o café, sen azucre, levanto un pouco o ollar de maneira involuntaria e alí está ela sobre o tellado. Dá igual que estea pensando en mil historias. Traballando nun tema alleo ou disfrutando do internet 2.0. Levanto o ollar e miro esa persoa que coñezo e non coñezo ao mesmo tempo. Ela olla para outro lado pero eu vou ir para ver de recuperala. E xúrovos que non estou tan tolo como parece.

Advertisements