Non son eu desas persoas que dedican o seu tempo temas exotéricos e normalmente tampouco relixiosos. Gústame coñecer eses mundos desde o mesmo punto de observación que se ten da mitoloxía. Unha especie de achega por curiosidade e para comprender que se buscaba obter con esas historias, ou que coñecementos se obtiñan por medio destes relatos.
Creo que durante os primeiros anos de emisión (polo menos en Galiza) de Telecinco os membros da nosa xeración, nos nosos últimos anos sen internet papábamos a TV como tolos en busca de cousas novas. E foi daquela que nos bombardearon con Superdetective en Hollywood e Ghost sen piedade nin pedir perdón. Foi precisamente T5 o que insistiu case cada 6 meses en que mirásemos Ghost e un famoso cura parapsicólogo vigués sempre dicía que esa película mostraba esa realidade paralela dos espíritos de maneira bastante fiable.
Eu non tomara mui en serio estes detalles do espiritismo e a ouija ata que este home ocupou horas e horas da miña vida falando arredor diso e T5 nos bombardeou co filme xa citado. Dos dous o que non tiña unha canción de merda que se distribuíu até o infinito en calidade .midi por internet. Os comezos de Telecinco e da piratería na rede xuntiños e da man.
Pois ás veces, cando estou coa miña ex compartindo mesa nalgún dos elegantes bares de Munique dánme ganas de invocar á rapaza coa que eu saía e pola que eu amo tanto á que teño diante, que non é exactamente a mesma, ou non se comporta como tal. Ás veces gustaríame falar co espírito prisioneiro dela aínda que só fose, como na peli de Ghost, para despedirme e irme tranquilo ao lugar onde sei que son querido. Coa miña xente e coas cousas claras.
Pero como todo iso son caralladas… Sigo intentando lograr o que quero. Que hoxe, en día e tal e como están as cousas aí fóra, creo que é un luxo e mesmo un privilexio que non todos se poden permitir.

Advertisements