Alzheimer

Setembro 24, 2009

Hai xa tempo que non escribo pero a anti-aventura vai collendo forma. De maneira que é posible que non me reciban de todo mal en München pero de aquí a alá aínda muita agua ten que pasar por debaixo da ponte. As miñas últimas comunicacións coa vítima da miña “kamikazada” foron bastante positivas. Estou de boas :)

Pero non todo pode ser bo na vida do kamikaze. Os meus avós van velliños de máis. A miña avoa está demenciada e eu, como vivo a unha hora de onde vive ela, non a miro case nunca. Esta semana tiven tempo e aproveitei para ila visitar. Púxose toda elegante e guapa. Ao principio foi un desastre, tiven que cambiarlle as pillas dos audífonos e a cousa mellorou. Non muito, porque entón descubrín que non todo o problema para comunicación con ela era auditivo. Como a ela sempre lle gusta falar das familias vellas da Lama e Ponte-Caldelas e como lles foi. Ou mesmo as boas familias de Pontevedra e Vigo. Sempre está con historias de vodas, empresas, amores, faltas de respeito, xente simpática, aproveitada, xente parviña… sempre ten unha vida allea que contar, e case sempre con admiración e orgullo. Como ela sempre está a falar desas cousas doutra época decidinme a contarlle a voda dun bo amigo, que foi esta fin de semana. Como a voda non foi nada tradicional houbo que adubiar o relato con partes máis do seu gosto para que oíse con atención e gozase da historia. A miña avoa escoitou atenta todo o que eu lle contaba. Notei alegría no seu rostro e un brillo nos seus ollos. Cando estaba acabando a historia ela interrompeu co tono co que fala sempre das familias do pasado dicíndome “eses fixeran a súa fortuna pola parte de Gaxate”. Díxoo con total seguridade. Foi un golpe que me deu en toda a liña de flotación. Non entendera nada, os rapaces son de perto de Vigo e ela non os coñece de nada. O único que fixo foi darlles un papel no seu universo interior. Foi fermoso ao tempo de cruel. Ela era feliz e xa incorporara a historia ao seu elenco pero xa lles dera unha personalidade da sua zona e posiblemente a historia na súa cabeza estivese enmarcada nos anos 70. Quedei con curiosidade por preguntarlle como lle ía aos meus amigos recén casados un pouco máis adiante, seguro que a estas alturas ela xa ten unha completísima historia sobre o que lles deparou o tempo.

Pensando niso e despois de ver este video sobre o Alzheimer quedei con ganas de imaxinar como sería eu con esa doenza. A miña avoa fai que todo sexa como na súa época gloriosa do pasado en que as señoritas e os señoritos gobernaban a nosa terra. Ela quedou alá. Supoño que é a súa teima. Quen sabe se eu, pase o que pase no futuro, cando fale cos netos se me dea por falar de marchar a vivir a Múnic e recuperar a rapaza. Tal e como estou vivindo esta mala época, estou seguro que cando perda o contacto coa realidade nunca poderei esquecer esta situación e o que está por vir. Espero conseguir unha gran historia aínda que só sexa para nun futuro non mui afastado no tempo esquecela. A vida haina que vivir pero recordala tamén é un pracer.

Advertisements