O meu novo amor muniqués, tranquilos todos (ou seguídevos tirando dos pelos polo meu grau de masoquismo), é a miña bici. É de todo feuchiña e valeu catro pesos nunha feira pero estame ensinando a cidade e non como o meu outro amor. Temos unha coordinación boa, aínda que cando a catalina vai grande e o piñón no máis pequeno escorrega por momentos a cadea. Estaba pensando se poñerlle o nome da miña ex á bici, por aquilo de me rir un pouco. Cando era mais novo púñalle nomes de persoa a obxectos importantes na miña vida. A bufanda negra de lá de cabra era Malvarez, o enigmático reloxo de peto que herdara de maneira rocambolesca tiña nome previsible (Feliciano), a gaita chamáballe Olivia e á pandeireta Teresa. Nomes de amores case de infancia.

Onde vai que escribira un post neste blogue contando como me gustaban as cidades europeas pola xente que as percorría en bici. Hoxe en 15 minutos púxenme no centro dunha maneira divertida e deportiva. O carril bici acompañoume nun 95% do traxecto e hei de dicir que cando saín me xoguei unha boa molleira porque xa apuntaban perigo as negras nubes que agora lostregan aí fóra.

A vida é bonita. A miña ex tamén. Pero son cousas diferentes

1, 2, 3… Seguimos!

Decembro 4, 2009

Pois iso mesmo. Despois duns días na cidade destino da kamikazada as cousas seguen pendendo todas dun fío. Descartamos os dous extremos: Ela non vai pasar miña cando ande pola súa cidade, onde xa teño piso, pero tampouco caíu rendida aos meus pés no primeiro asalto. A piscina está con auga suficiente para poder lanzarme a ela e nadar pero non está nas mellores condicións de navegabilidade. Iso si, a rapaza non desmerece os esforzos. Non é cousa de falar demasiado dela pero confirmei in situ que aínda que isto pareza unha cafrada ela é motivación suficiente e xustificadora.

Despois de confirmar que realmente quero facer o que vou facer paso á fase de resolver asuntos prácticos. Toca buscar un curso de alemán intensivo e baratiño para poder comunicarme no país de "acollida" e un traballo de calquera cousa onde gañar uns cartiños cando non estea no curso de alemán e facer máis viable a estadía no extranxeiro. Desgraciadamente o que escribe non vive de rendas nin de aforrado e o factor ingresos é algo a ter en conta para facer calquera movemento. Comezarei en breve a xestionar no traballo actual unha excedencia para poder resgresar en condicións en caso que me fixer falla.

Seguimos na allada :)

Eles piden silencio, e iso que eu aínda non cheguei :)
Gustoume o vídeo, e iso que o tío que comenta é un pouco mordaz nas súas críticas aos telexornais españois. Unha certa razón non lle falta. Eu non creo que o ruído sexa un dos problemas mais importantes da sociedade pero si creo que se estamos en crise e hai que fomentar a economía hai que buscar camiños novos para crear postos de traballo e se ademais estes crean maior calidade de vida a decisión é mui acertada.

Iso si… os frenos eses de trens fabrícanse en Alemaña, os muros antiruído tamén e o asfalto máis do mesmo. O problema de Galiza e de España é que somos un país de cafeterías e praias. Os alemáns son mui listos iniciando ese tipo de obras porque a materia póñena eles. E se o fixermos nós habería que lles mercar todo nas súas fábricas. Co cal, xa gañan 3 veces coa mesma idea.