As ex…

Setembro 8, 2009

Todos temos unha ex. E os que non a teñen acabarán por tela [tremede!]. É lei de vida. Nada é para sempre porque nin sequera a vida é para sempre. O raro é saber cando se perde esa estraña condición de ser EX. Por exemplo… cando un fala da súa ex normalmente fala da súa máis recente. Outras veces da que foi a máis importante… Pero hai momentos en que a relación coa ex é algo intenso e difícil de levar.
Eu coa miña ás veces comunicamos muito, outras veces nada… hai cariño pero haberá algo máis? Isto sucede por haber unha grande distancia entre os dous. É un dos problemas máis importantes pero non o único. Supoño que si a túa ex é a veciña de abaixo é muito máis problemático que sexa ex. Os recordos esvaecen na memoria cada vez que te tes que cruzar con ela nas escaleiras con esa cara de mala hostia porque algo lle farías. Se a rapaza vive no quinto carallo e non a podes ver… a cousa é peliaguda. Unhas veces parece que vai todo ben e que non tiña porque ser unha ex e outras parece que non tes ganas de mirala máis nunca. E o silencio, a falta de comunicación, fai que desapareza. Durísimo se aínda é o eixo da túa vida.

Cando a túa parella, ou exparella, é estranxeira acabas por lle coller cariño ao seu país, ao seu idioma, á cultura… pode ser unha porta de entrada a outro mundo. A min nunca me chamara a mais mínima atención alemaña. O meu avó viviu alá por uns anos e pensaba o mesmo ;) En cambio, agora mataría por tomar unha boa Weißbier. Sempre estou coa miña Paulaner na Casa das Crechas pero o óptimo sería unha Schneider… Voume polo tema das birras cando quería falar un pouco das ex.

Cando o que añoras é algo que non contemplas, supoño que idealizas aínda máis. Aí o problema das Ex a distancia. Ademais o mundo non remata cando acaba a relación. Se continúan os contactos pode haber unha evolución. A distancia boicotea muito esta e ás veces non sabes se avanza, non avanza, si é sincera ou falsa… Nada millor que o cara a cara para saber como vai o mundo. Privilexiados do mundo que tendes a parella perto… valorádeo porque outros nin parella nin perto! E os que tendes a Ex cerca e vos dá medo mirala cada dia da vosa vida… facede coma min: Emighrade, cona!

Advertisements