Distancias

Novembro 12, 2009

Distancia
Coa noite o pensamento viaxa sen fronteiras, cansanzo, nin problemas de tempo e de buscar o camiño. O meu pensamento anda que non durme esta noite. Estaba a percurar as predicións meteorolóxicas para os dias que vou onda ela, para que me confirmen que se poderá voar sen problema e quitar unha paranoia da cabeza. A noite chama por elas. Estaba buscando unha predición a unha semana do tempo en Europa e como é lóxico non topei, porque as predicións meteorolóxicas son pouco fiábeis para un punto concreto a partir do 3º día e para Europa en xeral son meras ilusións porque todo pode ser ou non ser como di o mapa. Pois non atopei o que quería pero dei cunha aplicación que me di que desde o meu cuarto ao dela haiche en liña recta 1670 quilómetros.
Pareceume ben pouco e comparei co que opina para coche o google maps, que son 2335 se imos atravesando a Suíza, e 2285 sen abandoar o territorio comunitario. Isto en coche serían en torno a 22 horas e, sorprendentemente tamén dá a opción a pé aínda que a hai que modificar para non ir polo medio do mar desde Barcelona, 19 días camiñando. Acabo de flipar porque eu fixen o camiño en 25 dias desde Navarra así que esa estimación é de camiñar as 24 horas deses 19 días. A outra paranoia é se me afectará ou non a folga de Iberia destes días. Que desastre de compañía… que ben a gusto prescindiría dela!

Pois aí van as reflexións pouco lúcidas arredor das distancias nunha noite fría menos para vela.

Advertisements

O santo poliglota

Outubro 25, 2009

Trátase dunha imaxe que atopei na miña última viaxe á Bretaña. Alá, como en Baviera e non como en Galiza, a defensa da lingua e cultura propia está fondamente ligada á igrexa e o catolicismo presenta detalles que na Galiza nin soñamos. Isto é o millor que topei e que maquillei un pouco dunha imaxe que polas présas e a falta de práctica tamén eu saquei no seu momento pero con muito peor resultado. Unha imaxe sita entre dúas columnas da catedral de Kemper. Realmente impresionante aos meus ollos.
Le P. Maunoir Obtient Miracleousement Le Don De Le Langue Bretonne
O texto que non se pode ler nesta imaxe pero que figura a xeito explicativo na parte baixa da mesma di: Le P. Maunoir Obtient Miracleousement Le Don De Le Langue Bretonne. Chamoume moitísimo a atención cando o mirei. Descoñezo quen é o tal P. Maunoir pero gústame que un anxo por imposición de man na lingua lle pase o don da lingua bretoa. A consideración do bretón xa só como realidade e recoñecelo como lingua é un punto ao seu favor e ademais que se lle nomee lingua e logo se lle outorgue categoría de don e transmitido de maneira máxica por un anxo é dignificación en estado puro (de mentalidade católica) da lingua. Gustoume tanto que non o puiden olvidar.
Pois ben, se mirades o desastriño de foto (refírome á maneira chafalleira da presentación) imaxinade como é o meu alemán. Ai mi madriña, isto non se aprende por imposición de anxos! E se si, que me digan a que santo teño que pregar para que me baixe o santo políglota e poliglotizador que xuro que comezo a rezar xa mesmo.
Ás veces desespérame a velocidade lentísima en que vou aprendendo o alemán.

As bicis en Europa molan

Agosto 30, 2009

Non son só un kamikaze. Tamén é que gosto de muitas cousas de Europa. Na miña cidade, e na miña contorna, sempre houbo muitas persoas que viaxaban ou vivían fóra da súa casa uns meses, mesmo toda a vida. Oír as súas experiencias sempre me deixou coa sensación de que iso si que é vida e non a carallada rutineira que fago eu. Muitos estranxeiros din que a verdadeira vida feliz está en Compostela. Pode ser, pero iso é porque veñen de sitios mui diferentes e só polo cambio senten mais a liberdade e a necesidade de facer cousas que no seu país nin pensarían. A felicidade non é nun lugar senón na cabeza de cada un. Se vivisen nas súas cidades como viviron, ou viven, en Compostela non pensarían que Santiago é tan especial.

Puxen ese vídeo de arriba para expresar a miña admiración ás cidades onde a xente vai en bici a toda a parte. Paréceme mui democrático, práctico e ecolóxico. Pode ser que sexan cidades muito máis chairas do que as galegas. Iso tamén axuda. Onde máis claro mirei este ambiente de ciclismo popular foi en Amsterdam. Todo o mundo nas bicis, mesmo cando chovía cos paraugas. E non vaias pensar que ían con sensación de facer o ridículo. Ir en bici en Amsterdam debería ser considerada unha arte máis. Eu coñecín Salzburg en bici un día de alerxia incontrolada e aínda así foi unha experiencia que sempre recordarei como mui positiva. E ás veces en München téñome desprazado tamén en bici. Do máis normal. O problema é cando todo está nevado e o chan cuberto co xelo.

Pois iso, que non todo é ir ata o final do xogo e rescatar á princesa. A min hai muitas cousas de Europa que me gustan. Unha delas as bicis nas cidades.