Baixo o sol muniqués

Abril 10, 2010

As cousas sempre se ven mais fermosas baixo o sol da primavera. É certo que o clima, aínda que non o creandes, é muito mellor que o compostelán. Aquí a chuva non molesta máis que unha media horiña ou así e co metro e demais transportes non impide nada a vida normal. Os sistemas de calefacción funcionan ben e o isolamento térmico do exterior, alén dunha necesidade básica, é unha realidade nas construcións deste país.
Aínda así, un día como o do meu anti-aniversario prestouse para ir canda a moza ao Xardín inglés e deitarnos os dous sobre a herba. O factor de non estar en ningún local dá a avantaxe de poder falar libremente con discreción e o sol convida a estar coa persoa que queres.
É certo, díxome un par de veces que se non me gustaba o país só tiña que coller o billete de volta e usalo. Non sente as cousas coma min. Pero tamén se enfadou unha vez mais cando lle dixen que me trata dunha maneira cruel. Ela non o ve así e di que logo o pasa mal varias horas no seu cuarto pensando a que me refiro. É ben fría. Eu míroa, respéctoa como a cousa máis valiosa do planeta pero a mando a merda cada vez que me solta unha bordería. Realmente, hai momentos en que ela parece a ofendida e non eu. Non sei se o fai por sentirse ben, ou porque realmente non percibe o que me fai e se ofende cando llo digo.
E con todo isto… o día do noso anti-aniversario discutimos, como sempre, falamos muito, abrazámonos e falamos con sinceridade de cousas importantes. Non sei porqué pero despois dese momento penso que é posible, se encontro dunha vez un traballo, que me quede un pouquiño máis de tempo. Que non vaia pasar o mes de Xullo á miña cidade preferida. Hai unha fenda pola que me entra luz esperanzadora. Non sei como naceu, só sei que sen traballo non teño o respecto dunha moza que é o que mais quero no mundo. Teño un obxectivo. Camiño cara el. Tanto tempo libre acaba comigo. Necesito traballar para min, e para que ela non me mire como un vago español da mesma maneira en que eu a miro como unha insensible alemá. Os tópicos xogan e temos que vencelos porque, ás veces, parecen reais.

Advertisements