lin por algún lado

Novembro 11, 2010

Lin por algún lado que despois de vivir a historia máis triste só poden vir historias boas e tempos felices. Convenceume pero hoxe penso que para que ese tempo comece ten que acabar previamente a historia máis triste. Fáltame algo, fáltome eu. Fáltame ela.

Coller firme o temón!

Febreiro 17, 2010

Os barcos naufragan por diferentes motivos. Ás veces con dicir que naufragan porque si chega. Pero os que tendemos a pensar que as preguntas teñen que ter respostas gustamos de buscalas e canto máis aparentemente racionais sexan mellor. Máis convincentes. Por iso, non podo admitir nunca como explicación que un barco desaparece da superficie porque así tiña que ser. Ás veces as condicións son mui adversas. Mar embravescida, fugas de auga, mal deseño do barco… Aínda así, o capitán non pon as mans na cabeza e bebe un copiño de viño do Porto observando con admiración o proceso da súa fin. Aínda que el saiba que as posibilidades son poucas ou ningunha sería un kamikaze se non agarra forte o temón e tenta levar fóra de perigo o barco e maila tripulación. Ás veces as cousas non saen como un quere pero non temos dereito (ou si) a permanecer pasivos mentres todo sucede. Haino que tentar.

O medo non é un pensamento racional. Aínda que ás veces é facilmente explicable e con facilidade deixámonos levar por el. Eu son profundamente temeroso. De feito non sei que carallo vou facer cando desembarque na praia cara onde se dirixe a miña singradura. Unha praia tantas veces soñada que vai ter area real e auga que mollará as miñas botas. Pero eu decidín non deixarme engulir polo remuíño do que vén dado. É posible que todo acabe mal. Mui mal. Pero ninguén poderá dicir que non fixen o que quería facer. Que non tentei por unha solución a un problema que para min era mui importante. Chamádelle valentía, teimosía ou simplemente exercitación do dereito a pataleo con esta vida, pero eu vou mollar as miñas botas coa auga do areal que tantas veces soñei e recoméndolle a todo o mundo que faga o mesmo. Só hai unha vida.

O punto de non regreso

Xaneiro 19, 2010

Na sociedade actual a xente tende a falar e falar e nada facer. Supoño, polo que contan os vellos, que antes a palabra valía máis do que vale agora. Eu levo dicindo xa tempo e tempo que marcho e non dou marchado. Entre os meus amigos hai quen pensa que non emigro. Que non son capaz. Que non teño palabra. E pode ser que non teña palabra. No momento en que tomei a miña decisión, tiña claro que tiña que ser firme. Unha das cousas que fixen para que fose collendo forma e tinturas de realidade foi ir tomando compromisos coa idea de realmente emigrar. Un deses compromisos, ou pasos na folla de ruta, foi crear este blogue. A xustificación é que non lle quero estar comendo a olla todo o tempo aos amigos con este tema pero as cousas que non se falan tenden a esvaerse. Unha vez que quedou escrito aquí que marcho se me rajo sería un falabarato e defraudaríame a min mesmo e á xentiña xentil que se tortura con estas leituras. Por iso escribín isto. Para agarrarme a min mesmo nun compromiso público. Sonche pouco duro!

Pero desde entón fixen todo o que faría unha persoa normal. Pedín a excedencia no traballo, aforrei todo o que puiden, a ex-namorada está avisada, os amigos saben que emigro, na casa díxeno este domingo e ata teño xa o billete para o domingo 28. Supoño que agora non queda dúbida ningunha de que o farei. Iso si, o medo é xigante. Tou con todos os sentimentos dándome voltas na cabeza cada vez que me deito ou acordo. Tamén no medio do día, mentres fago calquera cousa hai un momento en que se me vai o pensamento á incerteza do meu futuro a medio prazo. Non son un super-home. Xa normalmente son a dúbida personificada. Eu, como dixo aquel simpático que ten un blogue chamado “eu xamais terei un blog“, nunca faría nada así. De feito, emotivamente eu son mui pouco comunicativo. Non me gusta contar a miña vida e aquí me tendes a explicar paso a paso o meu proceso de emigración por un desencontro amoroso. A vida é así e teremos que rir con ela.

Pois iso, en menos dun mes deixo o choio. Xa teño billete e un curso de alemán. Aínda non estou inscrito pero xa sei cal me interesa e onde. E estou no momento de buscar un piso, que é difícil. Vamos, que estou un pouco histérico! Iso quere dicir que todo vai como ten que ir :)

O xélido decembro

Decembro 15, 2009

Mentres escribo estas liñas estou maldicindo a idea desafortunada de deixar a xanela aberta mentres ía traballar. Hai quen di por aí que o inverno está a ser duro e eu estou aterecido e aterrorizado porque, queridos amigos, o inverno está por comezar :S E non só vén xélido de temperaturas senón que as actitudes da rapariga fan que a balanza volva inclinarse a favor de que a antiaventura acabe en kamikazada buscando un sentido. Recentemente un residente en Baviera ao que lle sigo relixiosamente o blogue díxome que deberíamos montar un deses grupos chics do facebook con nomes rechamantes que se intitulase algo así como “vou papar frío a outro país e non sei ben por que, mais vai pagar a pena” é xenial o desalentador catastrofismo do comezo que se compensa cun optimista final. E paréceme a actitude correcta, sobre todo porque aquí o valente que escribe non pensa pisar Minga antes de comece a esmorecer o inverno, isto é entre o 20 de febreiro e o 1 de marzo. Vou papar a fin do inverno, o último terzo que na Galiza precede pracidamente a primavera. A ver como é naquelas terras! En realidade a ex-moza reivindicouse a si mesma como ex e anda ultimamente máis desagradable do normal. Realmente, e a pesar de todo o dramón que nos estamos a montar, non se mostrara case nunca nesas condicións.
Supoño que é normal, que se sente algo acosada coa idea de que o ex-mozo vaia deixar o país por ir a tocarlle as pelotas a ela ao seu. Vou comezar a chamarme a min mesmo Urkel na honra do anti-heroe preto da miña adolescencia televisiva.
Isto comeza a cheirar ao chamosco. Pero o meu traballo é unha merda e paso de estar toda a vida a me laiar de algo que non fixen. Collo unha excedencia por un ano e voume a facer o monas a Deutschland que se tan mal me vai só vou aprender un idioma con futuro e vivir unha experiencia única para lle contar aos netos. E sempre me queda o dereito a botar as choradas neste blogue que suple ao meu psicólogo de maneira eficiente e dun xeito muito máis barato :)

As condicións favorábeis

Novembro 17, 2009

Cando un escribe sobre un mesmo ten unha certa tendencia a deixar no ar as cuestións máis negativas e potenciar a presenza das positivas. Trátase dunha actitude optimista e non dunha maneira de tentar quedar ben. Porque a hostia, se a vas levar, lévala igual por muito que contes o que che gustaría. Polo tanto, recordo que remataba o meu artigo Autocrítica cun aviso de ir a terra hostil amañar as cousas tentando que as condicións fosen o máis favorábeis dentro do posible.

Eu non sei se conseguín esa parte, aínda negociamos ata o último minuto. A cousa está difícil pero nunca se pode falar ata que os acontecementos xa se deron. Isto vai ser como un exame, unha proba na que se vai ter que botar todo o que se poida para que non haxa un drama de resultado. Iso si, se o drama está encargado e o rapaciño viaxeiro vai alá a dalo todo vai ser un señor dramón. Nas relacións, a partir da segunda ;), todos temos unha balsa salvavidas que inchamos antes de correr calquera risco. Frecuentemente facemos que en canto escora un pouquiño o barco e miramos que a cousa pode chegar a ser grave en vez de comezar manobras de re-estabilización revisamos o estado da balsa salvavidas e pouco despois deixamos o barco. É lei de vida desde que sabemos que se non é esta parella a definitiva será a seguinte, ou a de despois, ou a que logo ha de vir. O capitalismo edúcanos nisto: Se a aspiradora che dura 8 anos é cousa boa pero cando se estropee tes que ir mercar outra. As parellas o mesmo. Cando alguén alcuñou o lema de vivir o momento non reparou que cando é relativo ás parellas iso equivale a ter confianza hoxe e incerteza mañá.

Pois alá vou eu coa lanchiña de plástico ben enfeitada e os remos de goma escintilantes. A cada remada máis perto do destino, sexa este cal for. Alá vou eu co meu millor sorriso ao encontro da persoa que máis doe e máis cariño pode dar. E é que non hai outra forma. A ver como é o regreso!

Medo

Outubro 17, 2009

Estou con medo.
Desde que dixen que ia mercar os billetes de avión para ila visitar até que o fixen pasaron así como 2 días. Cada pouco tempo miraba prezos e combinacións de voos. Ás veces desesperábame e o mandaba todo á merda. Outras pensaba que nin sei onde hei durmir. Ou si me virá recoller ao aeroporto. Ou se me fará falar o meu cutre alemán diante dela…
Acabo de mercar os billetes, disque via Frankfurt é máis barato pero está no quinto carallo de non teño tanto tempo como para ir por aí 6 horas de aventura ata chegar ou non a onde quero. Mirei mil opcións diferentes e como sempre irei por Madrid. Unha vez fun desde Porto pero tampouco me resolveu muito máis e tiven que chegar alá…
O grave non é pagalo, que é caro de carallo. O grave é a sensación que queda cando non sabes que vai pasar alá. Se se vai resolver ou non. Se vou durmir na súa cidade e sen ela. Se a vou cagar con calquera parvada… Vivir mancha e desta eu vou sen mandil. 4 días e non sei nada do que vou facer nese tempo.
Estou con medo.