O Anti-aniversario

Abril 8, 2010

Despois de pasar uns días no norte no cariño dunha familia que me acolleu no seu seo para festexarmos xuntos a Pascua levo un par de días de regreso en Munique. Creo que foi a primeira vez que baixaba do avión sen que o corazón se me saíse do peito. Que triste facer normal a derrota.
Pois nada, foron uns días xeniais con boa xente e nos que comparando o trato que me dá unha amiga co que me dá ela penso que non merece máis a pena estar detrás de que non che trata ben. E aínda así ela mostrouse unha milésima máis amable do común. Hoxe quedamos para dar unha voltiña baixo este marabilloso sol. É posible que ela non o saiba, creo que eu non lle entro na cabeza, pero hoxe hai un ano que comezou a miña antiaventura. Hai un ano que me deixou por teléfono. E non sei. Xa pasou muito tempo e eu estiven preocupado e sufrindo e é xa un ano! Debo estar tolo. Ninguén debería estar un ano amando unha moza que non o quere. É unha data simbólica que convida a parar. A superar esta enfermidade. Porque a aspiración de calquera persoa non pode ser unha persoa que non o trata ben. As parellas son para ser felices e non para ter mais tristura e infelicidade.
De todas maneiras, eu non a podo deixar. Teñoa mui dentro. E mentres escribo estas letras escápaseme o sorrir de saber que a vou mirar nunhas poucas horas. As cousas que non pasan pola cabeza sonche así. Ás veces crueles.

Advertisements