Con neve

Xaneiro 9, 2010

Hai quen di que a vida con neve é mais bonita. Debe ser un destes pensadores de praia en agosto que non se desprenden da clara de limón sempre renovada na man ;) Vai xa para o meu segundo dia con neve deste ano e comezo a estar un bocadiño cheo dela. Vale que neve en Alemaña e mesmo, un pouquechiño, aquí para poder facer fotos bonitas pero é que non se dá feito. O mellor sistema antineve do concello, xunta e goberno é agardar ao medio día e pregar para que non siga. En momentos así síntome parvo, mui parvo, indo a 30 no meu carro por unha estrada que non limpa nin vai limpar ninguén. E non é que eu sexa un fitipaldi de non baixar de 90 pero é que recordo algunha ocasión coas estradas nevadas e a ex-namorada tranquilamente a máis de 100 por carreiros da súa aldea e eu no posto de copiloto abrazando de novo, en segredo, a fé católica e desempoeirando as pregarias que aprendera na catequese do padre Ogando. Parecemos de diferentes naturezas.

Por certo, e vindo a conto disto, que teño mirado que cando chegas a rexistrarte como estranxeiro residente en Baviera preguntan que relixión tes e en base a isto cóbranche máis ou menos impostos. Que repercusión ten iso? Será certo? Eu non sabería que dicir… E xa vai faltando menos para facer as maletas :)