O último día libre…
Novembro 19, 2009
Marchar, non marcho mañá. E desta vou só por uns días pero si que é certo que hoxe é o meu último día sen ter que traballar antes de coller o avión. As predicións do tempo xa me teñen nervioso, porque para venres disque entra outro temporal e eu saio sábado de mañá. Espero non quedar tirado polo tempo. Mañán traballo e non poderei facer nada e sábado voume cediño de todo. Así que o meu último día é este.
Cando estaba no colexio, de curas, ás veces iamos a xornadas de convivencia nunha casa xenial no concello da Guarda. Recordo que todo o mundo ía contento porque non era difícil despois de aturar aos mestres 7 horas diarias aturar aos curas 5 nun lugar xenial, lonxe da cidade e cos compañeiros. Unha vez o cura que dirixía o cotarro propúxonos que pensásemos que faríamos no País sen Lei. Era como se tivésemos que imaxinar que hai un lugar onde ninguén che vai dicir nada se fixeres calquera cousa, todas. A xente tiña que dicilo en alto e a verdade é que eu sempre considerei que non faría nada diferente ao que fago na realidade porque os únicos límites que me poño son os da miña conciencia e non os das leis, que normalmente non coñezo. A xente arrancábase con parvadas como matar por pracer, roubar, ter sexo con todas as mulleres… e os mesmos argumentos ordeados das máis diferentes maneiras e con maior ou menor graza á hora de ser contados repetíronse durante unha hora.
Eu sentíame parvo oíndo as cousas infantís que dicía a xente e sentinme na necesidade de inventar tamén eu unha historia. Por iso de non parecer un sen-sangue. E contei que roubaría un coche e iría ligar cunhas rapazas guapas por aquilo de non destacar no grupo. Eu sei que non faría nada diferente do que fago normalmente. Debo ser un aburrido, porque iso non significa que viva á marxe da lei nin trazando o meu propio camiño. E aínda non sei mui ben que produtividade lle sacaban os curas a este exercicio. Supoño que agardaban que alguén dixese algo o suficientemente nobre e soñador como para pórlle un asterisco na lista de posibles futuros curas e de paso mirar que grao de infantilismo había na nosa micro-sociedade (se eu estaba abraiado, non quero imaxinar que pensaban eles). Porque as badocadas que se dixeron aquel día foron considerables e cando un pensamento é parvo o pior que se pode facer é exteriorizalo diante de 100 persoas como era o caso. Eu morrín de vergonza allea e pasei polo rego contando unha historia infantil como o resto. Iso si, sen graza ningunha na maneira de expresarme porque non me interesaba máis que cumprir.
Pois hoxe é o meu último día libre antes de ir alá. Por iso recordei esta historia. Todo o que teña que facer ten que quedar feito hoxe. Mercar o LK, a crema de augardente, o queixiño San Simon da Costa… Xa me dei un rape no pelo considerable e xantarei con colegas e despois irei subir o Pedroso a xeito de mini-excursión. Parece que marchase para non volver e non é o caso desta vez. Non é unha viaxe definitiva nese aspecto pero si que é importante porque sempre é mellor meter o pé na auga antes de lanzarse á piscina. Por aquilo da temperatura da auga e, por que non dicilo?, confirmar que hai auga aí abaixo ;)
Novembro 20, 2009 ás 5:30 pm
Comproba que hai auga!!!Boa idea!
Novembro 23, 2009 ás 11:54 pm
Non sei se andas por aquí (Baviera) ou non, pero has de saber que en Regensburg es benvido. Éme imposible achegarme a Munich, e traballo pola semana.
O dito, se queres visita guiada por un dos cascos vellos máis bonitos de Alemaña, pega un toque (a cervexa vai co lote).
Decembro 2, 2009 ás 10:44 am
Então, que tal? estás por aqui (alemanã)?
Aperta
Xullo 9, 2010 ás 9:40 am
si sí, o de meter o pé para comprobar a temperatura da auga, é mellor facelo (se se pode), pero o que imprescindible é comprobar que haxa auga na piscina!!
(e ainda así, cantas veces nos tiramos e levamos un cabezazo que ata quedamos en coma!)
O que contaches do exercicio dos curas, vaite tí saber cantos inventaron historias tamén, coma tí… esas edades nas que un non quere ser diferente por nada, fai que por separado todos os adolescentes sexan mais normais que cando están en grupo, que acostuman ser unha morea de atorrantes.