Na terra dos bávaros

Marzo 5, 2010

Cheghén, companheiros. As xélidas augas desta praia mollaron xa os meus pés e ainda que o schock inicial perdura xa vou aprendendo a cair de pé. Desgraciadamente a rapaza móstrase distante pero a aventura continúa con ou sen ela. Unha vez que estás aquí non esqueces o motivo da viaxe pero tampouco perdes o tempo en lamentacións.
Apenas duas cousas:
Falantes de espanhol no meu curso de alemán: 0
Falantes de portugues (eu incluido): 5
E imos facendo migas :)
Un minuto de silencio polos que sempre din: “que vas a hacer con el gallego en cuanto dejas atrás el Padornelo?”
Antiaventura si pero aventura tamén.
Seguiremos informando (vai frío de carallo)

A recta final

Febreiro 15, 2010

Xa só me falta pór o traxe de faena. A busca de piso en Múnic está complicada pero argalleinas para ter un tempiño antes de marchar para facer a mudanza das miñas cousas á casa dos meus pais. Tamén para me despedir de todos e sobre todo para buscar piso por internet e posibilidades na cidade de destino.

O derradeiro (se todo vai ben na nova vida) día de traballo foi do máis normal. Bastante relaxado. Os compañeiros hai uns meses que se mostran comprensivos e amables comigo. Non era a tónica dominante pero eu non sei se é polo subidón que lles causou a noticia de librarse de min ou por solidariedade están do máis encantador. De feito imos facer unha cea de despedida bastante masiva. Nunca foi mui discreto neste país ser monolingüe e ás veces traeche inimigos do brazo. Tamén é certo que os castelán-falantes con tendencia bloqueira tenden a aplaudirche coas orellas fagas o que fagas. É o que ten vivir, que mancha :)

E por fóra xa son outra persoa: As ghedellas son historia, o traballo tamén… Pero por dentro son o de sempre: un teimudo con corazonciño que tardou demasiado tempo en decidirse a emigrar.

Tantas cousas por facer…

Outubro 30, 2009

Quedan muitas cousas pendentes. Adiadas. Agardando latentes o seu momento. Agardando a posibilidade de realizarse. Desexando abandoar o mundo das esperanzas para incorporarse ao das realidades. As apertas por dar e recibir. As arelas dunha terra diferente por descobrir. Tantos silenzos que matar. Tantas palabras por aprender. Tanta chamada para que vaia eu buscar o pan ou ti coller o brezel. Tantas montañas nevadas por subir e baixar. Tantas imaxes por sorrir… Tanta calor e mansedume que atopar ao teu lado.
Porque todo isto ata agora foi o antes e a historia comeza dentro duns meses.
Xa me tarda.

A primeira vez que falara algo en alemán foi por causa dunha rapaza do pasado. Gustáballe que lle dixera cousas en momentos en que é millor estar calado. Ela era unha moza con muita forza e ansias de vivir. Mui positiva e con facilidades comunicativas. Gustáballe que lle dixesen que a amaban en todos os idiomas e esas foron as miñas primeiras palabras en alemán. Un “igh liebe digh” do máis pataqueiro (nótese a apropiada escritura fonética con geada) que dicía poñéndome serio no meu rol. Folga dicir que nin ela nin eu somos alemáns e o futuro deparounos camiños diverxentes. Isto nunca llo contara a ninguén así que tendes que me gardar o secreto.

En realidade, e se prescindimos de tan morboso e intranscendente detalle, as miñas primeiras palabras en alemán tardaron en saír. Levaba algún mes de convivencia coa miña añorada ex e a verdade é que non me adentrara en tan escuros carreiros da sabedoría humana. Cando escoitas o idioma varias veces ao día e non entendes nada dá a impresión que é inútil calquera tentativa de aprendelo. Soa mui mal. Sinceramente. O que sucede é que a todo se afai un e oír unha persoa querida falar outro idioma vai facendo que o oído vaia amándoo tamén un pouquiño. Ademais eu sonvos un amante das linguas. E claro… as conversas relaxadas na intimidade. O tempo de confianza e as ansias de saber máis da outra persoa leváronme a saber que ich bin é eu son… e para completar a miña primeira frase en alemán deume por inventar un son e por cara de controlar. Eu reparara en que muitas palabras acaban en ich ou ig entón nunha noite de curiosidade idiomática dixen algo parecido a Ich bin Glücklich. O que viría a ser en alemán “estou/son feliz”. Sorprendente porque era 100% sincero e espontáneo. Ela segue pensando a día de hoxe que xa o mirara nalgún lado e eu sigo pensando que non. Esa foi a miña primeira frase en alemán. Intuitiva á par de sincera. Desde entón xa teño falado algunha palabriña máis. Non muito pero xa fixen algún que outro curso. Supostamente xa non son un paleo-falante. Só un novato con pouco vocabulario e serios problemas para declinar as cousas como debe ser. Por iso, agora non teño nada que perder indo de kamikaze e sei que teño un alemán que mellorar e ningún sitio millor que Alemaña para iso. Non sei se conseguirei alá todo o que quero o que si que sei é que mellorarei muito o meu alemán, que xa lle vou collendo cariño.