O punto de non regreso
Xaneiro 19, 2010
Na sociedade actual a xente tende a falar e falar e nada facer. Supoño, polo que contan os vellos, que antes a palabra valía máis do que vale agora. Eu levo dicindo xa tempo e tempo que marcho e non dou marchado. Entre os meus amigos hai quen pensa que non emigro. Que non son capaz. Que non teño palabra. E pode ser que non teña palabra. No momento en que tomei a miña decisión, tiña claro que tiña que ser firme. Unha das cousas que fixen para que fose collendo forma e tinturas de realidade foi ir tomando compromisos coa idea de realmente emigrar. Un deses compromisos, ou pasos na folla de ruta, foi crear este blogue. A xustificación é que non lle quero estar comendo a olla todo o tempo aos amigos con este tema pero as cousas que non se falan tenden a esvaerse. Unha vez que quedou escrito aquí que marcho se me rajo sería un falabarato e defraudaríame a min mesmo e á xentiña xentil que se tortura con estas leituras. Por iso escribín isto. Para agarrarme a min mesmo nun compromiso público. Sonche pouco duro!
Pero desde entón fixen todo o que faría unha persoa normal. Pedín a excedencia no traballo, aforrei todo o que puiden, a ex-namorada está avisada, os amigos saben que emigro, na casa díxeno este domingo e ata teño xa o billete para o domingo 28. Supoño que agora non queda dúbida ningunha de que o farei. Iso si, o medo é xigante. Tou con todos os sentimentos dándome voltas na cabeza cada vez que me deito ou acordo. Tamén no medio do día, mentres fago calquera cousa hai un momento en que se me vai o pensamento á incerteza do meu futuro a medio prazo. Non son un super-home. Xa normalmente son a dúbida personificada. Eu, como dixo aquel simpático que ten un blogue chamado “eu xamais terei un blog“, nunca faría nada así. De feito, emotivamente eu son mui pouco comunicativo. Non me gusta contar a miña vida e aquí me tendes a explicar paso a paso o meu proceso de emigración por un desencontro amoroso. A vida é así e teremos que rir con ela.
Pois iso, en menos dun mes deixo o choio. Xa teño billete e un curso de alemán. Aínda non estou inscrito pero xa sei cal me interesa e onde. E estou no momento de buscar un piso, que é difícil. Vamos, que estou un pouco histérico! Iso quere dicir que todo vai como ten que ir :)
Xaneiro 24, 2010 ás 10:55 pm
Sorte co piso, que é moi importante chegar tendo casa. E sorte co resto, claro.
Segue a informar.
Febreiro 2, 2010 ás 1:37 am
Ánimo, Kamikaze!!! Deixa atrás o medo e lánzate en picado. Eu xa o fixen hai uns anos, tamén marchei da Terra sen nada nas mans. Foi unha decisión dura, pero non me arrepinto. Claro que se bota moito de menos, pero cadaquén ten que vivir a vida á súa maneira. Se cres que é o mellor, ¡adiante! No blogomillo tes moita xente que che pode contar as súas experiencias e que te apoiará (e, dígocho eu, vén moi ben para facer desaparecer a morriña) ;) Apertas!
Febreiro 2, 2010 ás 3:47 am
Cando esteas ali, habera que facerche unha visita. Hai voos a Munich directos dende Edimburgo! Sempre sera un pracer compartir unha cervexa con alguen tan valente.
Animo!
Febreiro 4, 2010 ás 2:48 pm
Non sei como vai ser a miña vida alá, posiblemente muito tempo libre e pouca xente coñecida, pero as vistas son sempre benvidas!
E graciñas polos azos que me dades, piso ainda non topei!
Xullo 9, 2010 ás 12:24 pm
O bó de ler cousas do pasado e que non teño que dar consellos!
:-)