As miñas primeiras palabras en alemán
Setembro 3, 2009
A primeira vez que falara algo en alemán foi por causa dunha rapaza do pasado. Gustáballe que lle dixera cousas en momentos en que é millor estar calado. Ela era unha moza con muita forza e ansias de vivir. Mui positiva e con facilidades comunicativas. Gustáballe que lle dixesen que a amaban en todos os idiomas e esas foron as miñas primeiras palabras en alemán. Un “igh liebe digh” do máis pataqueiro (nótese a apropiada escritura fonética con geada) que dicía poñéndome serio no meu rol. Folga dicir que nin ela nin eu somos alemáns e o futuro deparounos camiños diverxentes. Isto nunca llo contara a ninguén así que tendes que me gardar o secreto.
En realidade, e se prescindimos de tan morboso e intranscendente detalle, as miñas primeiras palabras en alemán tardaron en saír. Levaba algún mes de convivencia coa miña añorada ex e a verdade é que non me adentrara en tan escuros carreiros da sabedoría humana. Cando escoitas o idioma varias veces ao día e non entendes nada dá a impresión que é inútil calquera tentativa de aprendelo. Soa mui mal. Sinceramente. O que sucede é que a todo se afai un e oír unha persoa querida falar outro idioma vai facendo que o oído vaia amándoo tamén un pouquiño. Ademais eu sonvos un amante das linguas. E claro… as conversas relaxadas na intimidade. O tempo de confianza e as ansias de saber máis da outra persoa leváronme a saber que ich bin é eu son… e para completar a miña primeira frase en alemán deume por inventar un son e por cara de controlar. Eu reparara en que muitas palabras acaban en ich ou ig entón nunha noite de curiosidade idiomática dixen algo parecido a Ich bin Glücklich. O que viría a ser en alemán “estou/son feliz”. Sorprendente porque era 100% sincero e espontáneo. Ela segue pensando a día de hoxe que xa o mirara nalgún lado e eu sigo pensando que non. Esa foi a miña primeira frase en alemán. Intuitiva á par de sincera. Desde entón xa teño falado algunha palabriña máis. Non muito pero xa fixen algún que outro curso. Supostamente xa non son un paleo-falante. Só un novato con pouco vocabulario e serios problemas para declinar as cousas como debe ser. Por iso, agora non teño nada que perder indo de kamikaze e sei que teño un alemán que mellorar e ningún sitio millor que Alemaña para iso. Non sei se conseguirei alá todo o que quero o que si que sei é que mellorarei muito o meu alemán, que xa lle vou collendo cariño.
Maio 27, 2010 ás 10:12 pm
Bueno, non quero desvelar a intriga da aventura, asi que coutarei as ganas de ir ver as entradas recentes para ver como está a cousa nove meses despois…
o que supoño case como certo é que o teu alemán melloraría!
hoxe vin a túa pegada polo meu blog, e lembreime dese mozo que lle dera a arroutada de marchar para Alemania detrás dunha moza; que compre estar tolo, pero se non se fan as tolemias mentres un é novo, o sequera mentres un está vivo, coño, cando as vai facer?