Viaxe por Urticaria
Agosto 13, 2010
Cada vez que un se ergue pola mañá ten a certeza de que vai aprender algo novo. Cando un deixa o seu país por outro, aprende unha chea de cousas novas. Ás veces, o motivo orixinal da viaxe acaba por ser anecdótico. No meu corazón isto último non se cumpre pero na miña vida real, de acotío, si.
A fin de contas estou aquí, no planeta estranxeiro. Coñecendo unha cultura, que se me presenta ás veces dolorosamente fría e esclarecedora de todo o que non souben comprender daquela rapaza. Non pode ser que un pense que coñece perfectamente a unha persoa e ao mesmo tempo descubra cousas ben raras na súa cultura que non intuíra nela ate que un mira atrás e as atopa. Cando estou máis pesimista direivos que penso que fun un dicionario de cama, pero eu sei que iso non é certo. Aqueles sorrires e ollares que deron lume e vida a quen escribe non eran impostados.
E aínda que Urticaria é unha palabra que garda de maneira encriptada a vila de Ortigueira, posiblemente sexa o seu étimo latino, a min recórdame a esta miña viaxe bávara. Unha viaxe pola Terra que proe, que doe, que produce urticaria. E dese disco, que tanto me presta, de Berrogüetto escollo esta canción tan acaída.