As bicis en Europa molan

Agosto 30, 2009

Non son só un kamikaze. Tamén é que gosto de muitas cousas de Europa. Na miña cidade, e na miña contorna, sempre houbo muitas persoas que viaxaban ou vivían fóra da súa casa uns meses, mesmo toda a vida. Oír as súas experiencias sempre me deixou coa sensación de que iso si que é vida e non a carallada rutineira que fago eu. Muitos estranxeiros din que a verdadeira vida feliz está en Compostela. Pode ser, pero iso é porque veñen de sitios mui diferentes e só polo cambio senten mais a liberdade e a necesidade de facer cousas que no seu país nin pensarían. A felicidade non é nun lugar senón na cabeza de cada un. Se vivisen nas súas cidades como viviron, ou viven, en Compostela non pensarían que Santiago é tan especial.

Puxen ese vídeo de arriba para expresar a miña admiración ás cidades onde a xente vai en bici a toda a parte. Paréceme mui democrático, práctico e ecolóxico. Pode ser que sexan cidades muito máis chairas do que as galegas. Iso tamén axuda. Onde máis claro mirei este ambiente de ciclismo popular foi en Amsterdam. Todo o mundo nas bicis, mesmo cando chovía cos paraugas. E non vaias pensar que ían con sensación de facer o ridículo. Ir en bici en Amsterdam debería ser considerada unha arte máis. Eu coñecín Salzburg en bici un día de alerxia incontrolada e aínda así foi unha experiencia que sempre recordarei como mui positiva. E ás veces en München téñome desprazado tamén en bici. Do máis normal. O problema é cando todo está nevado e o chan cuberto co xelo.

Pois iso, que non todo é ir ata o final do xogo e rescatar á princesa. A min hai muitas cousas de Europa que me gustan. Unha delas as bicis nas cidades.

O destino

Agosto 30, 2009

München, Minga en bávaro, Munique en galego-portugués, Múnic en “galego” e Munich en inglés e español.

O nome seica vén dun asentamento de monxas, por iso que o escudo que aparece nos vagóns do metro sexa unha monxa. É famosa no mundo enteiro por ser o lugar onde se fai a festa da cervexa durante o Oktoberfest. Unha tradición bestial que aínda non coñezo e que se cadra o ano que vén vivo desde dentro. Este ano toca seguir a traballar e tentar aforrar uns cartiños para comezar a anti-aventura con millores espectativas, non xa de éxito senón, de supervivencia. Ás veces póñome un pouco dramático pero penso que en todas partes hai xente que comeza de cero. O conto é cando vou ser eu o que o faga, e loitando por reflotar un navio que non sei se poderá manter minimamente a navegabilidade. Polo menos eu sei que non é cousa de caralladas que eu fixese, e a compañeira creo que tampouco.

No meu país o motivo, case o único, por excelencia de ruptura é a infidelidade. A primeira vez que oín que en Alemaña a xente renuncia a dedicarlle tempo á parella para centrarse no traballo pensei que era algo que se dicía pero que non sería nunca certo. Logo oíno muitas máis veces e mesmo de quen menos quería oílo. Estes alemáns sonche ben raros. Eu sempre que dixen algo parecido mentín como un bellaco e case sabendo que a outra persoa xa sabería. Serei vítima das distancias culturais? ou serei só un pardillo que creu unha escusa tan cutre?

Encántanme os parques da cidade, o urbanismo que ten, e aínda que é un pouco cara (disque a mais cara de Alemaña) é un lugar tan bo como outro calquera para comezar unha nova vida.