Ela

Xullo 13, 2010

Podo namorar no día, se me poño, 300 veces. Se me despisto dúas ou tres. E é que namoro da moza que sobe ao metro, da moza que baixa, da moza que sorrí mentres me vende un xelado, da que ten un fermoso e incomprensible sotaque bávaro, da moza distante que cruza unha rúa solitaria ollándome de esguello por precaución. Da que pedalea automática nestas fermosas rúas con terríbel roupa deportiva. E tamén da que coa ollada perdida nun garito nocturno acaba por mirar aos meus ollos. E namoro.

Podo namorar da moza que canta como unha tola no Englischer Garten ante os ollares desprezativos dos que visten unhas bermudas horríbeis. Podo namorar, e namoro da moza seria que fuxindo da festa e con cara de insatisfacción entra na biblioteca unha tarde fermosa coma esta. Namoro da chinesa, da coreana, da italiana, da rapaza rusa que derrapa nos erres e eses do seu enigmático alemán. Namoro das mulleres ucraínas da miña imaxinación que falan unha lingua sen fortuna. Namoro de ti e tamén de min.

Son unha máquina de namorar barato. Pero para namorar hai que ter sangue nas veas. Aínda que sexa para namorar barato. Hai que ter a forza para vivir e para seguir adiante con todo. Aínda que só sexa para namorar barato. E a pesar diso. De vivir, de sorrir, de levar un cravo nos beizos pola xente do meu arredor, de levar na fronte unha estrela e o cantar que me nace do corazón. A pesar diso sempre está aí. A Outra.

A Outra é esa muller roxa de nome bíblico e ollos azuis-máquina que cos seus recen estreados 27 anos segue os mandatos paternos como se buscase neles, cal consellos de ciprianillo, os mellores tesouros nas terras máis ocultas. A outra é ese namoro non barato e pouco afortunado que me alela ao deitarme tanto como ao acordar. Temendo que se converta nunha Beatrice de Alighieri. Sendo unha tortura cruel. Eu non baixei ás profundidades do inferno para buscala, conformeime que deixar a miña vida compostelá e embarcarme nunha singradura que agora miro imposíbel. Non é mérito meu, nin dela, tamén non demérito de ningún dos dous. Só é así. Saíu mal. A vida é simples. Hoxe perdo, pero non perderei sempre.

Un deses namoros baratos que disfruto e me fan sorrir cada día vai ser un boom. Sempre foi así. Ela foi tamén un namoro barato no seu tempo. Ata converterse na Outra. Na persoa máquina que ama e desama e dá sono de día e o tira de noite. A persoa que che fai ser emigrado antes de pisar o estranxeiro e che fai calar meses as palabras bonitas e rideiras no país dos caladiños con Dirndl e Lederhose. A que che rouba a alma e algunhas das máis serias esperanzas. Esa é a Outra. A que non ten nome nin palabra.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: