Ser un descoñecido tomando café nunha terraza

Xuño 20, 2010

A vida continúa. Aínda non fixen o inventario de canta xente coñezo na cidade pero non creo que chegue a 50. Eles son a miña cidade, o resto é decorado. É unha cidade con muito decorado, cousas interesantes e xente por todas partes. Ás veces, cando o aire do meu cuarto se fai irrespirable gústame imitar ás colonias de pingüíns e colocar o meu niño monoparental no medio da multitude doutros niños. Hai xeo para todos, é cuestión de buscar ben. En canto atopo o lugar adecuado, paseo o meu cu de pingüín polo medio dos outros niños ficticios e o pouso no lugar de destino. Cando vén a camareira, en Munique teñen sona de ser pouco amables pero isto non adoita ser certo aínda que cando o é quédase curto o que din dos camareiros desta cidade, pídolle a miña taciña de café. Creo que é do mais barato que se pode pedir aínda que non creo que baixe dos dous euros e medio. Sabe bastante mal. Cando estou nunha colonia de pingüíns xestionada por un italiano sempre me inclino polo espresso que neste caso é pequeno e concentrado e a prezo de cousa exótica pero é que realmente sabe a ese mesmo café dos bairros do Porto.

Algo ten en común cando vou tomar un café en Porto e cando o tomo no mesmo Munique dos meus desamores e é que nos dous lugares son anónimo entre anónimos e gosto de me sentir desta maneira. As dúas linguas, aínda que a do Porto é practicamente a miña, son linguas que tento aprender. A primeira fase do xogo consiste en pedir o que un quere sen que se note que non son dalá. Ou polo menos sen que o/a camareiro/a non me responda nunha odiosa e allea lingua imperial. As últimas veces en Portugal conseguírao e creo que ese é mérito propio. Na Alemaña, ás veces, non me responden en inglés por que son bastante bordes. E cando o fan é con ánimo de me dar unha mellor acollida.

Unha vez logrado o café e non ter destacado de entre o anonimato das outras persoas, gústame escoitar o silencio ou tentar descifrar vidas alleas. Serei un lercho pero é así. Gústame ser unha vida mais dentro do colonia e nese momento todos compartimos colonia de niños de pingüín. Algúns niños están petados de poliños e algúns poliños son maiorciños de máis como para alimentarse no niño paterno. Eu observo en soidade. Cando a miña vida é mais interesante que a dos outros pingüíns doulle voltas aos meus problemas. Que si ela necesítame para ter unha vida menos seria, que si este país é un país de autómatas, que si eu non quero volver a un país no momento en que se extermina a miña lingua e cultura mentres soa música de festa… Aquí son un civil estranxeiro, tentando deixar atrás a torpeza do seu idioma infantil e cagándose en todo porque a muller elixida non me elixiu a min. No meu país son un loitador do bando que vai perder, que cada día fala distinto aos outros xerando maior ou menor conflito. Ás veces parece que é normal que fale o meu idioma e en canto estou relaxado nunha colonia de pingüíns no meu país, chega o acomodador, o pringadete que serve as ordes da colonia e do xestor da mesma, o que non está alá por gusto, e dime: Con leche? e xa saímos da normalidade, da aparente harmonía. Eu prefiro que me chame gilipollas, pero el, con toda a naturalidade fai como o Faro de Vigo coas súas entrevistas. Non me interpreta, nin me traduce, cambia as miñas palabras. E ese proceso de substitución, que ás veces parece tan inocente e involuntario, non se detén nas colonias de pingüíns. Continúa nas escolas de pingüíns, no parlamento dos pingüíns, nas escaleiras das casas dos pingüíns, na televisión dos pingüíns e fai de min un pingüín sempre anoxado, sempre derrotado e sempre en estado de loita.

A miña exnamorada non me quixo rescatar desta batalla que perdemos a diario. Algunha vez díxome que me viñera ben virme a Munique para que respectase un pouco máis o castelán e me distanciase do meu idioma e a miña cultura. Que sempre nos estamos a mirar ao embigo. Eu non estou dacordo e volverei á miña cultura, á miña xente e por suposto que volverei ao idioma que nunca deixei atrás coa convicción de que a nosa lingua galega florece en cada momento nos falares de pretos e brancos nas rúas de Munique. Nunca esquecerei as portas que me abriu o meu idioma no estranxeiro e a maneira que teñen de falar os latinoamericanos que falan español sobre os brasileiros. Os brasileiros non o saben, muitos deles tentan impostar un español saíndo das súas bocas pero os que teñen o español por lingua propia repúdianos dunha maneira sincera e calada. Algún sorpréndese dos meus esforzos en falar bo alemán e ri cando falo portugués, esa lingua que só molesta. Teño feito muitas veces de intérprete de portugués para castelán pero nunca de castelán para portugués. Aí reside o xene da parvura e a fachenda. Que non vos contaxien nunca!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: