O cómico do asunto

Marzo 28, 2010

A verdade é que ten coña. Calquera día vaime aparecer meu pai pola porta da casa de Múnic. É unha persoa tremendamente arroutada e xa miña irmán me ten dito que hai muitas veces que el di que se vén de visita. Ela dime que en canto o saiba me avisa. En fin, o problema é que eu non lles contei a realidade. Sempre que me chaman mándanme apertas e demais para ela. Ais, e me andan a preguntar se todo está ben. Eu digo que si, por suposto, e non minto. A verdade é que non vai mal. Só unha cousa non vai como tiña que ir e o problema é que é o motivo principal desta andaina no estranxeiro.

Pode ser cómico como apareza o meu santo pai por aquí e eu neste escenario de nervios, tensión e desamor… De todas maneiras estou contento porque a situación na casa familiar mellorou amplamente e é unha preocupación menos. E a Semana Santa pasareina no norte cunha boa amiga. Que pena que as amigas me traten mellor que ela e ao tempo que sorte ter boa xente que se preocupa por min sempre :)

Aperta a quen me le! As cousas continúan igual pero non empeoran. Aínda que só tivese un 1 por centro de posibilidades de éxito eu estaría aquí para tentalo, e non vexo as cousas tan crúas.

ainda na allada

Marzo 21, 2010

Levo un anaquiño pensando que título lle por a isto. A verdade é que non se me ocorre pero hai un par de cousiñas máis que quero contar. A primeira é que cada día que pasa son unha persoa un pouco mais resentida por ter que reclamar para si un trato humano á persoa que ama. E a segunda é que teño observado que cando escribía neste blogue antes de chegar a esta parte do mundo animábame a seguir na antiaventura, que xa se sabía desde o principio, e agora mesmo cada vez que penso en escribir algo non me dá a mesma sensación senón a de estar bastante farto e as ganas de mudar de tema.

A verdade é que é como se estivese de vacacións. Levo 3 días traducindo o meu curriculum para comezar a buscar choio e non sei cando acabarei con tanto empeño que lle poño. Pero estas vacacións non son nada agradábeis. Cando merquei o billete tiven que fixar unha data de regreso, que eu pensaba que non ía usar pero cada vez máis penso que ese día é a data de caducidade desta historia.

Acaba de chamarme ela. Usou o teléfono! e mira que che é pouco dada a gastar. Xa me estrañou cando onte me dixo que me ía chamar, pensei que me mandaría unha mensaxe vía mail, que pragmaticamente resolve pero no meu corazón non é o mesmo. A verdade é que ultimamente cando decide comunicar comigo móstrase encantadora pero eu estou fartiño de todo. Comezo a pensar que fixen mal en vir ata aquí e en namorar dunha muller que se mostra tan pouco atenta. Ela insiste seguido en que non é un roboter. É a súa frase preferida cando discutimos. Pero se en vez de demostralo cos actos ten que dicilo así é que algo de robot(er) si que ten.

Marzo 14, 2010

O finadiño do Suso fala por min

Vale, ás veces a vida é como un soño. E despertamos del. Como me fastidía oír o despertador, sempre me entra unha preguiza inmensa cando o oio. E supoño que con isto pasoume o mesmo. O soño foi tan fermoso que cando tocou ao seu fin finxín que non oía para non acordar neste mundo de xente con cara de can. E cando insistiu o despertador negociei para durmir un pouco máis. E finalmente cando chegou o momento en que xa non se negocia eu estaba con cara de parvo e babexando a almofada mentres alguén, de pé e con cara sería me miraba. Ela non comprende que me guste durmir, pero eu soño con ela e iso é algo que só sei valorar eu. Eu quero seguir durmindo mentres ela non se moleste muito. E agora… agora mostrase cruel e desexa que me levante e que me vaia en silencio.

E aquí estou, no seu país. Pensando que non me merezo unha moza tan pouco amable. Que ela non se merece alguén que a queira tanto coma min. Que non sabe que é unha persoa importante. Seguro que pensa que estou aquí porque me aburría no meu país. Ou porque me parecía divertido. E non me parece divertido. Pásoo mal e me trata peor que a un descoñecido. Non entendo como puidemos chegar a isto. En fin, que todo debeu rematar. Que o kamikaze sempre que se espeta contra o barco non gaña a simpatía da vítima nin consegue grande cousa para o seu país. Se non mudan muito as cousas isto vai ser o final triste dunha historia gloriosa.

Muitas grazas aos que a seguistes. E sabede que hai unha muller en München pola que un home pode deixalo todo. A vida non é só sumas, restas, multiplicacións e divisións. A vida ten cousas que se saen deses principios lóxicos. Disfrutádeos, porque nós somos só iso.

Na terra dos bávaros

Marzo 5, 2010

Cheghén, companheiros. As xélidas augas desta praia mollaron xa os meus pés e ainda que o schock inicial perdura xa vou aprendendo a cair de pé. Desgraciadamente a rapaza móstrase distante pero a aventura continúa con ou sen ela. Unha vez que estás aquí non esqueces o motivo da viaxe pero tampouco perdes o tempo en lamentacións.
Apenas duas cousas:
Falantes de espanhol no meu curso de alemán: 0
Falantes de portugues (eu incluido): 5
E imos facendo migas :)
Un minuto de silencio polos que sempre din: “que vas a hacer con el gallego en cuanto dejas atrás el Padornelo?”
Antiaventura si pero aventura tamén.
Seguiremos informando (vai frío de carallo)