O pracer de vivir en Galiza

Xaneiro 17, 2010

Pois si, sempre me ando a laiar do mala vida que é vivir agardando un momento e hoxe remato 24 horas de plena fartura galega, pedíndolle desculpas por iso ao recentemente finadiño do Morgan. Nas últimas 24 horas gocei dunha foliada caralluda nas Casas Novas. Tivo o seu toque subversivo porque estabamos a tiro de pedra da casa do presidente e as autoridades fixeron acto protagonista de presenza ao máis puro estilo guardia-civil-en-festa-republicana-en-peli-ambientada-na-guerra-civil-antes-do-alzamento-sanguento poñendo multas a todo o coche que puideron e mirando con malos ollares mentres a xente toca, canta e baila. Iso perdonarémosllo pero o decreto que acaban de sacar contra o galego nunca. Iremos ao inferno ou nos quedaremos sen unha super-mosa bávara pero esa noite pasámolo en grande. Espero que os que miraban con esas caras reprobatorias e boicotaron cutremente o acto preguen por nós, pecadores. (por certo, que creo que vou financiar ao Ratzinger cos meus impostos na Alemaña).

A foliada foi xenial, os que estaban eran boa xente e aínda faltaban, pero non se pode chorar polo que non se ten senón máis ben gozar do que si se ten. E a chuva non parou de mostrarse solidaria e omnipresente. Boas parolas e boas danzas! Pola mañán quedei con outros compañeiros e aprofundamos no pracer das eternas discusións bizantinas. Aquelas que se son entramadas como argumento para destruír outras persoas non fan ningún ben pero que pechados no Embora e con tempo por diante dá xenio telas de bo grado cando a compaña e grata. O xantar foi cunha boa amiga vighesa que vén facer un curso a Compos os sábados e aínda que á tarde non asistín ao soterramento do noso finadiño case non me chegaron as horas para facer mil cousiñas e volver xenialmente acompañado ao lar fraterno.

No lar fraterno tíñanme preparada unha limpeza de conxelador que só foi interrompida por unha boa amiga que chamaba desde Coruña á unha e pico da noite para dicirme que se vén a Vigho en coche para ir de festa ao furancho da Balsa e se me sumo. Eu, que estábame sentindo como cando vou á veigha a desbrozar escusei a miña presenza no furancho e recomendeille que “fixera” gasolina antes de se meter na autoestrada porque a estas horas están todas as gasolineiras pechadas.

Cando baixei do coche, en Vigo, na miña rúa, apresureime instintivamente a por o abrigo antes de coller a mochila pero pronto notei que estes do sul sonche uns privilexiados no que se refire ao clima, porque non facía falta por a chaqueta (ata con parvadas así desfrutei hoxe o día). Máis adiante case conxelo os dedos co xelo do refrixerador. Finalmente… 24 horas pasadas en toda sorte de situacións e vividas dunha maneira espectacular. Xa quixeran outros ter esta sorte.

E bueno, mañán toca algo durillo. Non vos comentei que os meus pais non saben que marcho do país en torno a primeiros de marzo? O mellor de todo é que pensan que sigo coa muller de pelo vermello e nome bíblico de evocacións nefastas. Non os vou quitar desa parte da ignorancia, porque así seguro que pensan que me vai ir millor nas afastadas terras frías de Múnic pero mañá cóntolles que emigro aínda que pode ser cousa duns mesiños. Non creo que o tomen mui mal.

Aínda teño pendente concretar o curso e o piso onde vivir, pero coa axuda dunha boa amiga que teño alá todo vai collendo forma. Por suposto non lle carguei ese marrón á miña ex-namorada, non vaia ser que se agoníe ;) Unha aperta a quen lea isto. Aquí rematan 24 horas felices.

2 Respostas to “O pracer de vivir en Galiza”

  1. Mr Tichborne Says:

    Fanse de menos os amigos, as foliadas…
    Non coñezo os teus pais, pero cando llo dixen ós meus, que por certo tamén emigraran no seu momento, foi un movidón. Agora que estou instalado dinme que non volva, polo menos agora, que a cousa está fodida.
    Trae botas, meu. Neva a cachón.
    A ver se liamos unha esmorga por estas frías terras.

  2. zeltia Says:

    Qué gusto este post, verte así (ainda que me perdín un pouco entre a felicidade e o conxelador)
    e puxéronme os pelos coma escarpias de que me viñera o meu fillo hoxe dicindo que emigra por uns meses. Si ho, mellor que non me diga que por riba vai soíño con grandes posibilidades de sufrir decepcións!.
    É certo que despois empezaríalle a ver as outras posibilidades enriquecedoras que toda viaxe ten. E ata poida que rematara leda de que emprendera unha aventura así.
    Pero, qué queres, extender a ala da protección e o que me sae por instinto. Afogadiño o teño, ó meu fillo. Ate os güevos, vaia.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: