Tantas cousas por facer…

Outubro 30, 2009

Quedan muitas cousas pendentes. Adiadas. Agardando latentes o seu momento. Agardando a posibilidade de realizarse. Desexando abandoar o mundo das esperanzas para incorporarse ao das realidades. As apertas por dar e recibir. As arelas dunha terra diferente por descobrir. Tantos silenzos que matar. Tantas palabras por aprender. Tanta chamada para que vaia eu buscar o pan ou ti coller o brezel. Tantas montañas nevadas por subir e baixar. Tantas imaxes por sorrir… Tanta calor e mansedume que atopar ao teu lado.
Porque todo isto ata agora foi o antes e a historia comeza dentro duns meses.
Xa me tarda.

O santo poliglota

Outubro 25, 2009

Trátase dunha imaxe que atopei na miña última viaxe á Bretaña. Alá, como en Baviera e non como en Galiza, a defensa da lingua e cultura propia está fondamente ligada á igrexa e o catolicismo presenta detalles que na Galiza nin soñamos. Isto é o millor que topei e que maquillei un pouco dunha imaxe que polas présas e a falta de práctica tamén eu saquei no seu momento pero con muito peor resultado. Unha imaxe sita entre dúas columnas da catedral de Kemper. Realmente impresionante aos meus ollos.
Le P. Maunoir Obtient Miracleousement Le Don De Le Langue Bretonne
O texto que non se pode ler nesta imaxe pero que figura a xeito explicativo na parte baixa da mesma di: Le P. Maunoir Obtient Miracleousement Le Don De Le Langue Bretonne. Chamoume moitísimo a atención cando o mirei. Descoñezo quen é o tal P. Maunoir pero gústame que un anxo por imposición de man na lingua lle pase o don da lingua bretoa. A consideración do bretón xa só como realidade e recoñecelo como lingua é un punto ao seu favor e ademais que se lle nomee lingua e logo se lle outorgue categoría de don e transmitido de maneira máxica por un anxo é dignificación en estado puro (de mentalidade católica) da lingua. Gustoume tanto que non o puiden olvidar.
Pois ben, se mirades o desastriño de foto (refírome á maneira chafalleira da presentación) imaxinade como é o meu alemán. Ai mi madriña, isto non se aprende por imposición de anxos! E se si, que me digan a que santo teño que pregar para que me baixe o santo políglota e poliglotizador que xuro que comezo a rezar xa mesmo.
Ás veces desespérame a velocidade lentísima en que vou aprendendo o alemán.

Medo

Outubro 17, 2009

Estou con medo.
Desde que dixen que ia mercar os billetes de avión para ila visitar até que o fixen pasaron así como 2 días. Cada pouco tempo miraba prezos e combinacións de voos. Ás veces desesperábame e o mandaba todo á merda. Outras pensaba que nin sei onde hei durmir. Ou si me virá recoller ao aeroporto. Ou se me fará falar o meu cutre alemán diante dela…
Acabo de mercar os billetes, disque via Frankfurt é máis barato pero está no quinto carallo de non teño tanto tempo como para ir por aí 6 horas de aventura ata chegar ou non a onde quero. Mirei mil opcións diferentes e como sempre irei por Madrid. Unha vez fun desde Porto pero tampouco me resolveu muito máis e tiven que chegar alá…
O grave non é pagalo, que é caro de carallo. O grave é a sensación que queda cando non sabes que vai pasar alá. Se se vai resolver ou non. Se vou durmir na súa cidade e sen ela. Se a vou cagar con calquera parvada… Vivir mancha e desta eu vou sen mandil. 4 días e non sei nada do que vou facer nese tempo.
Estou con medo.