O café
Agosto 31, 2009
Habitualmente eu era desa xente pouco sanota que non comía practicamente nada até a hora de xantar. Foron muitos anos facéndoo. Sobre todo cando non estou no curro, porque para min é un ritual de 45 céntimos de imposto revolucionario coller o café antes de entrar pola porta do choio na máquina que temos no corredor.
Cando tiña a sorte de quedar na casa non tomaba almorzo ningún. Entón chegou ela e ensinoume que o Frühstück (almorzo) é algo indispensábel. Xa sei, xa sei… vaia merda de descubrimento! pero é que eu estouvos un pouco a monte. Así que nunha das miñas viaxes muniquesas merquei un filtro de café de pota e con el fago case sempre o meu café de bos días.
Cando a relación desapareceu, un ano despois de ser presencial cada 2 meses, retirei algunhas fotos que tiña dela nas paredes do cuarto. Todas menos unhas nas que estaba dunha maneira artística e altamente impersoal posando sobre un tellado en branco e negro. Eran tan pouco dela que non as retirei. Case non se recoñece, está seria e cunha vestimenta nada propia dela. Regaláramas polo meu aniversario xa non sei nin cando e agora seguen aí nunha sorte de taboleiro negro que normalmente pasa desapercibido.
O problema é cando tomo o café na mesa do meu cuarto. Cando tomo o café, sen azucre, levanto un pouco o ollar de maneira involuntaria e alí está ela sobre o tellado. Dá igual que estea pensando en mil historias. Traballando nun tema alleo ou disfrutando do internet 2.0. Levanto o ollar e miro esa persoa que coñezo e non coñezo ao mesmo tempo. Ela olla para outro lado pero eu vou ir para ver de recuperala. E xúrovos que non estou tan tolo como parece.
Maio 11, 2010 ás 10:32 am
hai un refrán que dí “el que la sigue la consigue”.
veremos se se cumple.
en min cumpriuse, nin quería siquera saír con e´l e terminamos casando!
claro que despois divorciamos, pero iso foi outra historia.
non sei como podes sobrevivir sen comer nada ata a comida; eu á mañán é cando máis fame teño. De feito estou agora mesmo no meu tempo “do café”, e acabo de zamparme duas torradas e todo un tazón de café con leite