Incerteza

Febreiro 4, 2010

Unha vez pasado o punto de non retorno (coa familia, os amigos, os xefes do traballo e os compañeiros organizando unha cea de despedida) non queda outra que asumir que a viaxe vai ser feita. As dúbidas xa non son entorno a se se vai ou non se vai. Só arredor de que pinto en tal país ou que levar, ou que farei para conseguir o meu obxectivo. Iso si, as dúbidas nunca faltan. Sempre van comigo. Desde o máis físico: teño 21 kg de maleta para levar comigo e non sei que vai caber aí; ata o máis emocional (que é sobre o que versa este blogue). 24 catro horas ten o día e 24 días faltan para pisar ese chan chairo, beber esa auga que leva cal e tentar falar esa lingua tan diferente do galego.

Non estou nada seguro do que pode acontecer alá. Só sei que a historia ten que se pór a andar. Non se pode ancorar un a un momento toda a vida e agardar por el indefinidamente. Temos un problema que ata que eu estea alí non se pode resolver e levo un tempiño parado porque desde aquí o único que se pode é intuír. Así que o problema debe ser resolto dunha vez e para sempre. Isto é: ou é unha opción viable para a miña vida ou non o é. Así que tanto para ben como para mal terá que morrer o conto.

Neste punto só queda bater na porta, entrar e ver que pasa dentro.

O punto de non regreso

Xaneiro 19, 2010

Na sociedade actual a xente tende a falar e falar e nada facer. Supoño, polo que contan os vellos, que antes a palabra valía máis do que vale agora. Eu levo dicindo xa tempo e tempo que marcho e non dou marchado. Entre os meus amigos hai quen pensa que non emigro. Que non son capaz. Que non teño palabra. E pode ser que non teña palabra. No momento en que tomei a miña decisión, tiña claro que tiña que ser firme. Unha das cousas que fixen para que fose collendo forma e tinturas de realidade foi ir tomando compromisos coa idea de realmente emigrar. Un deses compromisos, ou pasos na folla de ruta, foi crear este blogue. A xustificación é que non lle quero estar comendo a olla todo o tempo aos amigos con este tema pero as cousas que non se falan tenden a esvaerse. Unha vez que quedou escrito aquí que marcho se me rajo sería un falabarato e defraudaríame a min mesmo e á xentiña xentil que se tortura con estas leituras. Por iso escribín isto. Para agarrarme a min mesmo nun compromiso público. Sonche pouco duro!

Pero desde entón fixen todo o que faría unha persoa normal. Pedín a excedencia no traballo, aforrei todo o que puiden, a ex-namorada está avisada, os amigos saben que emigro, na casa díxeno este domingo e ata teño xa o billete para o domingo 28. Supoño que agora non queda dúbida ningunha de que o farei. Iso si, o medo é xigante. Tou con todos os sentimentos dándome voltas na cabeza cada vez que me deito ou acordo. Tamén no medio do día, mentres fago calquera cousa hai un momento en que se me vai o pensamento á incerteza do meu futuro a medio prazo. Non son un super-home. Xa normalmente son a dúbida personificada. Eu, como dixo aquel simpático que ten un blogue chamado “eu xamais terei un blog“, nunca faría nada así. De feito, emotivamente eu son mui pouco comunicativo. Non me gusta contar a miña vida e aquí me tendes a explicar paso a paso o meu proceso de emigración por un desencontro amoroso. A vida é así e teremos que rir con ela.

Pois iso, en menos dun mes deixo o choio. Xa teño billete e un curso de alemán. Aínda non estou inscrito pero xa sei cal me interesa e onde. E estou no momento de buscar un piso, que é difícil. Vamos, que estou un pouco histérico! Iso quere dicir que todo vai como ten que ir :)

O pracer de vivir en Galiza

Xaneiro 17, 2010

Pois si, sempre me ando a laiar do mala vida que é vivir agardando un momento e hoxe remato 24 horas de plena fartura galega, pedíndolle desculpas por iso ao recentemente finadiño do Morgan. Nas últimas 24 horas gocei dunha foliada caralluda nas Casas Novas. Tivo o seu toque subversivo porque estabamos a tiro de pedra da casa do presidente e as autoridades fixeron acto protagonista de presenza ao máis puro estilo guardia-civil-en-festa-republicana-en-peli-ambientada-na-guerra-civil-antes-do-alzamento-sanguento poñendo multas a todo o coche que puideron e mirando con malos ollares mentres a xente toca, canta e baila. Iso perdonarémosllo pero o decreto que acaban de sacar contra o galego nunca. Iremos ao inferno ou nos quedaremos sen unha super-mosa bávara pero esa noite pasámolo en grande. Espero que os que miraban con esas caras reprobatorias e boicotaron cutremente o acto preguen por nós, pecadores. (por certo, que creo que vou financiar ao Ratzinger cos meus impostos na Alemaña).

A foliada foi xenial, os que estaban eran boa xente e aínda faltaban, pero non se pode chorar polo que non se ten senón máis ben gozar do que si se ten. E a chuva non parou de mostrarse solidaria e omnipresente. Boas parolas e boas danzas! Pola mañán quedei con outros compañeiros e aprofundamos no pracer das eternas discusións bizantinas. Aquelas que se son entramadas como argumento para destruír outras persoas non fan ningún ben pero que pechados no Embora e con tempo por diante dá xenio telas de bo grado cando a compaña e grata. O xantar foi cunha boa amiga vighesa que vén facer un curso a Compos os sábados e aínda que á tarde non asistín ao soterramento do noso finadiño case non me chegaron as horas para facer mil cousiñas e volver xenialmente acompañado ao lar fraterno.

No lar fraterno tíñanme preparada unha limpeza de conxelador que só foi interrompida por unha boa amiga que chamaba desde Coruña á unha e pico da noite para dicirme que se vén a Vigho en coche para ir de festa ao furancho da Balsa e se me sumo. Eu, que estábame sentindo como cando vou á veigha a desbrozar escusei a miña presenza no furancho e recomendeille que “fixera” gasolina antes de se meter na autoestrada porque a estas horas están todas as gasolineiras pechadas.

Cando baixei do coche, en Vigo, na miña rúa, apresureime instintivamente a por o abrigo antes de coller a mochila pero pronto notei que estes do sul sonche uns privilexiados no que se refire ao clima, porque non facía falta por a chaqueta (ata con parvadas así desfrutei hoxe o día). Máis adiante case conxelo os dedos co xelo do refrixerador. Finalmente… 24 horas pasadas en toda sorte de situacións e vividas dunha maneira espectacular. Xa quixeran outros ter esta sorte.

E bueno, mañán toca algo durillo. Non vos comentei que os meus pais non saben que marcho do país en torno a primeiros de marzo? O mellor de todo é que pensan que sigo coa muller de pelo vermello e nome bíblico de evocacións nefastas. Non os vou quitar desa parte da ignorancia, porque así seguro que pensan que me vai ir millor nas afastadas terras frías de Múnic pero mañá cóntolles que emigro aínda que pode ser cousa duns mesiños. Non creo que o tomen mui mal.

Aínda teño pendente concretar o curso e o piso onde vivir, pero coa axuda dunha boa amiga que teño alá todo vai collendo forma. Por suposto non lle carguei ese marrón á miña ex-namorada, non vaia ser que se agoníe ;) Unha aperta a quen lea isto. Aquí rematan 24 horas felices.

Con neve

Xaneiro 9, 2010

Hai quen di que a vida con neve é mais bonita. Debe ser un destes pensadores de praia en agosto que non se desprenden da clara de limón sempre renovada na man ;) Vai xa para o meu segundo dia con neve deste ano e comezo a estar un bocadiño cheo dela. Vale que neve en Alemaña e mesmo, un pouquechiño, aquí para poder facer fotos bonitas pero é que non se dá feito. O mellor sistema antineve do concello, xunta e goberno é agardar ao medio día e pregar para que non siga. En momentos así síntome parvo, mui parvo, indo a 30 no meu carro por unha estrada que non limpa nin vai limpar ninguén. E non é que eu sexa un fitipaldi de non baixar de 90 pero é que recordo nevaradas ben duras e a ex-namorada tranquilamente a máis de 100 por carreiros da súa aldea e eu no posto de copiloto abrazando de novo, en segredo, a fé católica e desempoeirando as pregarias que aprendera na catequese do padre Ogando. Parecemos de diferentes naturezas.

Por certo, e vindo a conto disto, que teño mirado que cando chegas a rexistrarte como extranxeiro residente en Baviera preguntan que relixión tes e en base a isto cóbranche máis ou menos impostos. Que repercusión ten iso? Será certo? Eu non sabería que dicir… E xa vai faltando menos para facer as maletas :)

Xa estamos no ano!

Xaneiro 1, 2010

Comprenderedes que un blogue onde se conta o acoghonado que está o autor porque vai emigrar por un amor dificilmente realizabel dentro duns meses non ten muito máis que contar que a ansiedade entanto non chega o arelado momento kamikaze. Esta é a miña maneira de comezo abrupto destripando o blogue e xustificando a miña pouca comunicación desde ese boom emocional que foi Novembro. É normal, en Novembro era o primeiro paso e aínda que foi un fracaso, non deixou de selo de maneira parcial.
Estes días estou algo baixo de moral. Eu non son de Nadal. Non gosto das reunións nin dos agasallos, nin as postais, nin as frases ñoñas típicas destas datas. Estes días, eu que traballo nas urxencias, tiven que traballar. É a típica noticia chorras que se fai nos aborrecidos telexornais do nadal sobre os coitadiños que non poden ir ás ceas e xantares porque teñen que traballar. Eu escollín traballar todas as datas sinaladas, incluíndo algunha que outra noite. Fíxeno voluntariamente porque non me gusta o Nadal e así da mesma maneira gaño uns cartiños (que se pagan especialmente ben) e evito as celebracións. A sorpresa é que non me sentín moi ben a primeira vez da miña vida que logrei eliminar case totalmente as celebracións de Nadal. Sigo tendo muita presión, porque marzo non dá chegado e creo que vivir totalmente fóra das rutinas de todo o mundo acaba por queimar. O outro día erguinme nunha cidade baleira, ás 15, despois dunha noite de traballo e a sensación foi do borde da tolemia. Os bares pechados, nin unha alma pola rúa e todo o mundo que coñezo lonxe. E ela demasiado lonxe.
A rapaza ama o Nadal. É unha de tantas cousas normais que fai. Eu non o fago porque non me sae, pero gustaríame amalo eu tamén e ter esas ilusións parvas que todo o mundo mostra nestas datas. Non son anti-nadal só a-natalicio, pásame con muitas cousas. E gustaríame que ela me ensinase a amalo. Non ao revés. De feito, creo que disfrutei mais do Nadal en Novembro, co Glühwein e os mercados de Nadal (ata había un no aeroporto) que nas datas sinaladas. Ademais, non me tocou a lotaría! supoño que niso estamos todos iguais. Eu sei que non vou chegar a rico traballando, por iso tento algún que outro atallo que, para variar, non funciona ;)
O motivo do post non é queixarme da vida, que tamén, senón dicir que as datas teñen normalmente tres valores: Dia//Mes//Ano. Segundo a cultura ou a personalidade de cada quen organízanse das máis diferentes maneiras dd/mm/aaaa, aaa/dd/mm, mm/dd/aaaa… xa vos facedes unha idea, non creo que haxa muito extraterrestre lendo isto. Entón o meu momento ansiado é 1 de marzo de 2010 (que aínda está por concretar pero este é un candidato firme) e se comparo a data que pon hoxe o PC coa ansiada xa miro que hai un valor coincidente. As cousas comezan a non parecer tan afastadas no tempo. E iso é o que hoxe festexo :)
Mudou o ano, tampouco eu fun discreto nas celebracións ;) Se chegastes lendo ata aquí xa tendes máis perto o ceu. Feliz ano a todos! Que sexa mellor que o que nos deixou!

O xélido decembro

Decembro 15, 2009

Mentres escribo estas liñas estou maldicindo a idea desafortunada de deixar a xanela aberta mentres ía traballar. Hai quen di por aí que o inverno está a ser duro e eu estou aterecido e aterrorizado porque, queridos amigos, o inverno está por comezar :S E non só vén xélido de temperaturas senón que as actitudes da rapariga fan que a balanza volva inclinarse a favor de que a antiaventura acabe en kamikazada buscando un sentido. Recentemente un residente en Baviera ao que lle sigo relixiosamente o blogue díxome que deberíamos montar un deses grupos chics do facebook con nomes rechamantes que se intitulase algo así como “vou papar frío a outro país e non sei ben por que, mais vai pagar a pena” é xenial o desalentador catastrofismo do comezo que se compensa cun optimista final. E paréceme a actitude correcta, sobre todo porque aquí o valente que escribe non pensa pisar Minga antes de comece a esmorecer o inverno, isto é entre o 20 de febreiro e o 1 de marzo. Vou papar a fin do inverno, o último terzo que na Galiza precede pracidamente a primavera. A ver como é naquelas terras! En realidade a ex-moza reivindicouse a si mesma como ex e anda ultimamente máis desagradable do normal. Realmente, e a pesar de todo o dramón que nos estamos a montar, non se mostrara case nunca nesas condicións.
Supoño que é normal, que se sente algo acosada coa idea de que o ex-mozo vaia deixar o país por ir a tocarlle as pelotas a ela ao seu. Vou comezar a chamarme a min mesmo Urkel na honra do anti-heroe preto da miña adolescencia televisiva.
Isto comeza a cheirar ao chamosco. Pero o meu traballo é unha merda e paso de estar toda a vida a me laiar de algo que non fixen. Collo unha excedencia por un ano e voume a facer o monas a Deutschland que se tan mal me vai só vou aprender un idioma con futuro e vivir unha experiencia única para lle contar aos netos. E sempre me queda o dereito a botar as choradas neste blogue que suple ao meu psicólogo de maneira eficiente e dun xeito muito máis barato :)

1, 2, 3… Seguimos!

Decembro 4, 2009

Pois iso mesmo. Despois duns días na cidade destino da kamikazada as cousas seguen pendendo todas dun fío. Descartamos os dous extremos: Ela non vai pasar miña cando ande pola súa cidade, onde xa teño piso, pero tampouco caíu rendida aos meus pés no primeiro asalto. A piscina está con auga suficiente para poder lanzarme a ela e nadar pero non está nas mellores condicións de navegabilidade. Iso si, a rapaza non desmerece os esforzos. Non é cousa de falar demasiado dela pero confirmei in situ que aínda que isto pareza unha cafrada ela é motivación suficiente e xustificadora.

Despois de confirmar que realmente quero facer o que vou facer paso á fase de resolver asuntos prácticos. Toca buscar un curso de alemán intensivo e baratiño para poder comunicarme no país de "acollida" e un traballo de calquera cousa onde gañar uns cartiños cando non estea no curso de alemán e facer máis viable a estadía no extranxeiro. Desgraciadamente o que escribe non vive de rendas nin de aforrado e o factor ingresos é algo a ter en conta para facer calquera movemento. Comezarei en breve a xestionar no traballo actual unha excedencia para poder resgresar en condicións en caso que me fixer falla.

Seguimos na allada :)